20 de Abril de 2026,
Santa Inés de Montepulciano

Homilía Misa Crismal: Mons. Antonio Valín Valdés

Homilía Misa Crismal: Mons. Antonio Valín Valdés
El obispo presidiendo la Misa Crismal junto a su presbiterio.

Benquerido irmán, Luis

            Benqueridos irmáns sacerdotes/diáconos/seminaristas

            Benqueridos membros da vida consagrada, irmás e irmáns.

            “O Espírito do Señor está sobre min porque o Señor me unxiu. Mándame anunciar a boa nova aos pobres, curar, proclamar a liberdade, consolar aos entristecidos, dar perfume de ledicia, vestido de festa” Son palabras dunha gran beleza e que animan o corazón.

Hoxe son proclamadas para todos nós que como comunidade diocesana nos reunimos en torno ao altar nesta catedral que hai 800 anos foi consagrada. As pedras desta casa foron unxidas para seren a casa de todos, e nós, pedras vivas, renovamos hoxe esa unción. Aquí escoitamos a voz de Deus que susurra na súa Palabra; aquí compartimos a súa mesa comendo o pan de vida e bebendo o viño da alegría; aquí sentímonos familia, aquí visibilízase a Igrexa nas súas vocacións: leigos, consagrados, presbíteros, bispos Esta é a Igrexa de Deus, a Igrexa que camiña en Tui-Vigo, unha familia viva que respira o aroma de Xesucristo e que quere comprometerse a ser bo olor do seu Señor en todas e cada unha das realidades desta terra, desde o mar á montaña, desde as aldeas e vilas á cidade

Todos nós, somos unxidos polo Espírito, somos unxidos cos óleos santos que nos transmiten a forza e protección de Deus, que nos configuran co Deus amor e que son alivio e consolo, sanación en todo momento. Somos unxidos no nome do Señor para sentir a tenrura de Deus e facela sentir a todos; unxidos para continuar a misión de Jesucristo, para construir pontes, sementando concordia e anunciando esperanza; unxidos para facer unidade e vivir na comunión que soluciona conflitos e racha cos roces de cada día. Unxidos para sermos homes e mulleres novos, que camiñan, sinten e viven xuntos, e que lle berran ao mundo, con xestos e palabras, que NON está todo perdido; que Deus non se foi senón que está, e que sigue actuando na historia, tantas veces complexa e difícil, e na historia persoal de cada humano, facendo unha historia de salvación única.

            Neste día, non só bendecimos os óleos que imos levar ás nosas comunidades para celebrar a salvación de Deus e sermos homes e mulleres con bo olor de Deus; hoxe tamén, renovamos os cregos as promesas feitas na nosa ordenación presbiteral. Si, queremos renovar o noso si, a nosa entrega, sabendo que isto NON é un rito máis, un costume ou un privilexio. Renovar é un retorno real e efectivo, que toca cada dimensión do noso ministerio, á “frescura do amor primeiro” como nos decía tantas veces o recordado papa Francisco. Ese volver a sentirnos inmerecidamente amados e chamados, ese sabernos nas mans de Aquel que coñece as nosas debilidades, as valora e as acolle, que nos sitúa ante o que somos, o noso sermos discípulos e a nosa vocación misioneira.

            Hoxe, como presbíteros, dicimos ante vós, santo pobo de Deus, que queremos vivir o evanxeo tras as pisadas do Galileo, home e Deus, configurando a nosa vontade, desexos, capacidades  da nosa existencia con El.

            Para iso non abonda con decir que si só; ese si ten que ir acompañado de varias actitudes que xuntos, como presbiterio, asumimos e queremos vivir, e que me gustaría compartir convosco. Son actitudes que tamén valen para calquera discípulo porque forman parte do sacerdocio do noso bautismo:

1) Humildade:

A realidade actual obríganos a sermos máis humildes: a realidade dos presbíteros (menos en número e crecidos en anos e dificultades), a realidade da indiferencia social do relixioso (xa non somos os de antes, nin temos o peso social doutras épocas todo iso alonxa a moitos das nosas comunidades), a realidade dos escándalos de todo tipo nas persoas da Igrexa ( todo tipo de abusos, o clericalismo, o facer carreira, o pensar o ministerio como unha “casta social” máis cá un servizo)

Si, a humildade é necesaria para recoñecer que a nosa forza vén do alto, e non das nosas capacidades.

2) Coraxe:

Ante a resposta a Deus. Somos homes fráxiles, moi vulnerables, necesitados dos demais. Non somos francotiradores que fan as cousas soas nin mesías que salvan desde os propios criterios e iniciativas. Somos fráxiles a nivel persoal e ministerial. Non podemos caer no negacionismo que non cre nesta realidade, no aillamento que nos fai ser/estar só, nas nosas cousas, defendéndonos ou criticando a outros; tampouco podemos deixarnos levar pola desesperanza, a morriña doutros tempos ou a añoranza doutros presbiterios, compañeiros, parroquias, Upa Somos fráxiles e ao renovar o noso compromiso sabemos que podemos pedir axuda  cando sexa preciso (e non pasa nada), e que como irmáns na vida e misión, estamos aí para dala. É a nosa responsabilidade.

3) Gratitude:

Porque Deus nos ama e conta connosco. Sempre me asombra pensar nisto: El, sabendo como somos, conta connosco e utiliza a nosa debilidade para que outras persoas poidan acoller o seu amor e consolo.

4) Alegría:

O papa Francisco acostumaba a decir que un crego triste é un “museo de amargura”. A Unción é alegría porque é certeza de que Deus nos elixe ; é cercanía radical dun Deus que sigue amando ao seu pobo a través de nós; é descanso na misión e ilusión que fai que o óleo en nós non se convirta en algo rancio, repartíndose e deixando que chegue a toda periferia e situación,  ata a orla do mando, sementando ao seu paso ese aroma novidoso que deixaron as palabras de Xesús no mundo: aroma de mar entre os pobres que o escoitan; aroma de terra que libera e fai felices aos que sofren; aroma de vidas cansadas, lavadas e bicadas no sinxelo; aroma de pan feito na casa e mesa compartida que alimenta á familia e comunidade.

5) Comunión:

Cos irmáns sacerdotes e con todo o pobo de Deus. Somos membros dun presbiterio, do pobo de Deus, e todos camiñamos unidos en discernimento, todos nos necesitamos, e entre todos levaremos ese bo olor de Cristo.

Renovamos o noso compromiso. Grazas, unha vez máis! Pola vosa entrega, entusiasmo, cansanzo, fidelidade Grazas pola vosa constancia, xenerosidade e firmeza de vivir o voso seguimento deste xeito. Recordo, aquí, aos nosos sacerdotes enfermos ou maiores, aqueles que están pasando algunha dificultade, os que están fora noutras latitudes en misión, e aos que xa están na casa do Pai. A todos, grazas.

            E a vós, pobo santo de Deus, non deixedes de acompañar co voso cariño e oración a estes queridos sacerdotes, os vosos cregos, que van renovar as súas promesas con humildade, coraxe, gratitude, alegría e comunión.

Hai 20 anos celebrábamos un Sínodo nesta Igrexa particular. Alí, o noso pastor, animábanos a escoitar a chamada evanxélica que lembra a non quedarnos na beira da rutina e a covardía: Igrexa de Tui-Vigo, rema mar adentro!  Xuntos, sendo bo olor de Cristo no medio do mundo. Que san Telmo e a nosa Nai, a Virxe de A Franqueira nos axuden. Amén.

Misa Crismal 2026 | © Noelia Reyes
Misa Crismal 2026 | © Noelia Reyes
« de 66 »