14 de Marzo de 2026,
Santa Matilde

Iago Costas: «Volvín con máis peso na mochila e menos na alma»

Iago Costas: «Volvín con máis peso na mochila e menos na alma»
FOTO.- Iago Costas, participante en el Jubileo de la Juventud

Sabía que o meu irmán ía ir ao Xubileu, pero non estaba moi seguro de que era nin de que trataba. Entre el e a miña nai convencéronme para participar. A viaxe que se anunciaba soaba apetecible, pero non foi iso o que me levou a subirme a un autobús con xente á que non coñecía. A causa principal pola que decidín apuntarme foi esa curiosidade por ver a outras persoas da miña idade compartindo a miña mesma fe.

Aínda que a miña familia é totalmente católica, no meu círculo social sempre fora o único relixioso entre os meus amigos, o único de clase que ía os domingos a misa e ao que sempre tachaban de fanático por rezarlle a Deus. Ademais, pouco antes da viaxe vivira un momento crítico na miña fe e na miña relación con Deus. Por moito que tentaba loitar, recaía unha e outra vez no mesmo pecado. Sentíame baleiro, e aínda que sabía que Deus estaba comigo, xa non o sentía. Foi entón cando me puxen a investigar que era o Xubileu: un ano de graza especial no que se busca a reconciliación, a conversión e a renovación espiritual, a través do perdón dos pecados e a indulxencia plenaria.

Cando comezou por fin a viaxe, parecíame máis un aburrimento que o que de verdade estaba a buscar. E, aínda que sempre fun católico, dábame preguiza a idea de ter unha misa diaria. Con todo, con cada misa quedábanme máis ganas da seguinte, máis ganas de vivir outra vez a Eucaristía, e máis ganas de adorar ao Santísimo, de quen me afastara.

O momento cume da viaxe chegou antes do que esperaba: antes de Roma, antes de Tor Vergata e antes de León XIV. Foi en Bolsena , o lugar onde, hai séculos, ocorreu un milagre eucarístico: un sacerdote que dubidaba da conversión do pan e o viño no corpo e o sangue de Cristo viu como a hostia, no momento da consagración, comezou a sangrar. Alí aínda conservan un fragmento coas manchas de sangue do noso Señor, que non só puidemos ver, senón ante o cal puidemos celebrar unha adoración. Iso foi fermoso. Ver o seu sangue, a mesma que derramou na cruz por todos nós, cambiou automaticamente a miña forma de ver a viaxe. A partir dese momento, todo foi a mellor.

Roma supuxo sacrificios: horas de camiñadas baixo o sol, noites sen durmir como me gustaría e picaduras de insectos, pero con Deus no meu corazón. El foi o meu consolo na entrega e a miña fortaleza no esgotamento. Gozar, por fin, dun círculo que me impulsase cara a Deus —no canto de afastarme de El— foi outro dos puntos fundamentais, especialmente grazas a don  Suso e don Samuel, que foron guías nunha senda ás veces escura, ás veces luminosa.

Finalmente, tanto o Encontro de Españois na praza de San Pedro como o encontro co papa en Tor Vergata fixéronme ver de forma definitiva que non estaba só, e que eramos moitísimos os mozos e mozas do mundo que camiñamos na senda do Señor. Coñecín xente de Polonia, Italia, Francia, Portugal… mesmo vin a persoas de países máis afastadas da órbita católica, como Turquía ou Corea.

En definitiva, volvín con máis peso na mochila e menos na alma. Ou, polo menos, coa alma máis descargada, máis tranquila, máis sandada… e non só pola auga de Lurdes. Volvín satisfeito por ver que non estaba só e realizado por reencontrarme con Deus na Eucaristía e na adoración.

Iago Costas, parroquia da Inmaculada Concepción de Vigo

Iago Costas, parroquia da Inmaculada Concepción de Vigo