18 de Maio de 2024

,

San Juan I
18 de Maio de 2024

,

San Juan I

Igrexa polo Traballo Decente insta a garantir a saúde e seguridade laboral

Igrexa polo Traballo Decente insta a garantir a saúde e seguridade laboral

No Manifesto con motivo da Festa do Traballo reclama aos poderes públicos medidas legais e recursos que eviten novas mortes no posto de traballo

En 2022 producíronse en España 826 accidentes laborais mortais, dous cada día. En Galicia, 73, un cada cinco días, a 3ª comunidade autónoma co maior índice de mortalidade.

Baixo o lema «Un traballo decente ten que ser un traballo saudable», a iniciativa de Igrexa polo Traballo Decente (ITD) lanza un manifesto con motivo do Primeiro de Maio no que pon o foco sobre o drama da sinistralidade laboral en España e o resto do mundo, unha realidade que mostra unhas cifras de escándalo. Esta demanda conflúe, ademais, cos obxectivos do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, que se celebrou o 28 de maio.

Segundo se denuncia no manifesto, no ano 2022 producíronse en España, de acordo aos datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, un total de 1.196.425 accidentes laborais, dos cales 826 resultaron mortais, un 17,2% máis que en 2021. Isto supón a morte de máis de dúas persoas ao día. Ademais, dentro deste cómputo total de accidentes laborais, 3.801 foron sinistros graves.  A nivel mundial, estímase que no ano 2020 perderon a vida 2,7 millóns de persoas por accidente ou enfermidades laborais.

En Galicia os accidentes laborais graves chegaron aos 437 e a 73 os mortais, o que supón unha morte cada cinco días. É a 3ª comunidade autónoma co maior índice de mortalidade no traballo despois de Murcia e A Rioxa, 6,59 mortes por cada 100.000 traballadores e traballadoras, fronte ás 3,51 no conxunto do Estado. A pesar da traxedia do «Vila de Pitanxo», esta gran diferenza no índice de mortalidade laboral non se deu só o ano pasado: a media dos últimos dez anos para Galicia é do 6,45 fronte ao 3,45 de España.

Estes datos só mostran unha parte da sinistralidade laboral, dado que as estatísticas non recollen os casos que, como sinala o Manifesto, se producen no ámbito «da economía mergullada, de quen traballan sen contrato ou se lles paga en negro, de quen non se lles diagnosticou unha enfermidade laboral porque non se especifica a súa orixe, ou as súas patoloxías non son recoñecidas como tales ou os profesionais descoñecen os procedementos para cualificala como laboral».

O traballo é para a vida

As entidades que forman a ITD lembran que «o traballo é para a vida» e denuncian que a «lóxica economicista deste sistema separa o traballo da persoa, desposúea da súa esencia e capacidade creadora e do seu propio SER; constrúe precariedade, inseguridade e somete ao traballador e á traballadora a longas xornadas laborais, a altos ritmos de produción e prívalle do merecido descanso». As secuelas, ademais de persoais e familiares, son tamén sociais, pois inciden na convivencia e nas relacións, o que o converte nun problema político que require unha resposta tamén política.

Con obxecto de reverter a situación actual de precariedade laboral que provoca a alta taxa de sinistralidade no posto de traballo, ITD esixe aos poderes públicos que velen polo cumprimento da lexislación laboral, se xeren máis recursos para que se investiguen os accidentes e mortes no traballo e se depuren responsabilidades, se poñan os medios para que non volva suceder, e se facilite os trámites burocráticos ás vítimas e ás súas familias para que lles sexa recoñecida a súa situación de sinistralidade.

ITD aposta por seguir «defendendo a vida por encima do beneficio, a dignidade da persoa por encima da produtividade e o ben común por encima dos intereses persoais, e reverter esta situación de inxustiza co noso compromiso persoal e comunitario desde a cultura do coidado e a solidariedade».

Para iso, Igrexa polo Traballo Decente comprométese nesta Festa do Traballo a impulsar movementos de solidariedade que defendan a saúde e a seguridade no traballo xunto a outras persoas e colectivos; potenciando o asociacionismo para reforzar a interlocución coas Administracións; apoiando o labor que realizan os sindicatos para extremar a prevención e exixir o cumprimento da normativa laboral.

O Manifesto conclúe coa exhortación do papa Francisco na Noiteboa do 2021. «No día da Vida repitamos: Non máis mortes no Traballo! […] e esforcémonos por logralo […] Deus vén colmar de dignidade a dureza do traballo. Lémbranos que importante é dar dignidade ao home co traballo, pero tamén dar dignidade ao traballo do home, porque o home é señor e non escravo do traballo».

Modelo do bo samaritano

Esta mesma demanda de Francisco é a elixida polos bispos da Subcomisión para a Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española na nota publicada con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, onde reclaman o fin das mortes no traballo. Neste sentido, ITD valora esta declaración, comparte a súa orientación que propón seguir «o modelo do bo samaritano» para «actuar ante a sinistralidade laboral e para implicarnos e comprometer a outras persoas e institucións» e recoñece a tarefa desta iniciativa na promoción da defensa da vida no traballo, «creando conciencia nas nosas comunidades eclesiais, implicándonos na denuncia desta inxustiza e apoiando as iniciativas e campañas, como a que xa leva a cabo Igrexa polo Traballo Decente».

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp