O venres 20 de xuño, celebrouse na cidade olívica o II encontro «Empresarios con alma», que organizou o foro da asociación de empresarios e directivos cristiáns en Vigo, Acción Social Empresarial (ASE). No acto, participou o presidente de ASE en Asturias e director da fundación «Perspectivas del trabajo», Javier Ramos Arévalo, que impartiu o relatorio «A grandeza do traballo e o poder das virtudes directivas».
O empresario e académico asturiano, autor do libro «¿Qué es el dinero?», foi analizando unha a unha as vantaxes que ten nos nosos días poñer en práctica as virtudes humanas nunha contorna empresarial: desde a humildade, a orde, a fortaleza, a prudencia, a temperanza, a esperanza, a xustiza, etc. Javier Ramos defendeu a necesidade de defender unha visión positiva do traballo, sobre todo nun momento de profunda transformación dixital coa irrupción da IA xenerativa.
Outro dos puntos abordados foi a oportunidade que ten o actual papa León XIV de divulgar a Doutrina Social da Igrexa (DSI) impulsada fai máis dun século polo seu antecesor nominal, o santo padre León XIII.
O encargado de clausurar o encontro foi o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que compartiu o seu testemuño persoal e confirmou as virtudes que realzan o cristianismo como valores a defender no día a día das empresas.
Acción Social Empresarial (ASE) é unha asociación de empresarios e directivos cristiáns fundada en 1951, que parte de UNIAPAC (Unión Cristiá Internacional de Executivos de Negocio), con presenza en máis de 40 países en catro continentes. Na actualidade, continúa divulgando o seu labor e promovendo a inscrición entre todos aqueles empresarios e directivos que estean interesados en reflexionar sobre valores e virtudes.
