«O inicio dun novo curso é unha oportunidade para crecer en todas as dimensións da nosa vida e no noso seguimento a Xesús», con estas palabras daba comezo a misa de apertura do novo curso 2022-2023 do Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo, que o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu na capela do Seminario Maior, onte, mércores 28 de setembro de 2022, acompañado por unha vintena de sacerdotes, profesores e seminaristas do centro.
Durante a súa homilía, o prelado de Tui-Vigo expresou que «hai que poñer toda a nosa vida nas mans do Señor. Isto é o que hoxe nós debemos pensar: o Señor pídenos que poñamos toda a nosa ilusión, toda a nosa vida, todo o que El nos concedeu, para dar unha resposta ao Señor, nestes momentos». Neste sentido, destacou a importancia de afrontar as circunstancias actuais do, agora, Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo —ata xuño de 2022, Instituto Teolóxico grazas á súa filiación coa Universidade Pontificia de Salamanca, UPSA—, cun esforzo e unha ilusión renovadas porque «temos profundas razóns para iso que non nos poden levar a sentirnos paralizados. Temos diante de nós grandes e fermosas tarefas que levar a cabo», entre as que destacou é tres tarefas fundamentais: o acompañamento dos seminaristas, a formación permanente do clero, a formación teolóxica dos segrares.
Tras a celebración da eucaristía, xa no salón de actos do seminario, o director do Centro Teolóxico «San Xosé», Guillermo Juan Morado, tomou a palabra para dar comezo ao acto, propiamente, académico: «necesitamos imaxinar dalgunha maneira, o contido da fe para que esta incida na vida. Imaxinar para desexar e desexar para actuar en conformidade co que queremos. Como dicía o cardeal Newman: “a fe ten ollos, mans e pés”. Imaxinar pois para formar novas ideas e novos proxectos. Imaxinar para transformar o real a fin de aproximalo ao ideal, acomodándoo ao que Deus quere para nós en cada momento».
Juan José González, secretario do Centro Teolóxico «San Xosé», foi o encargado de ler a memoria do curso 2021-2022 e explicar para todos os asistentes as causas que provocaron a perda de filiación coa UPSA destacando, como principal causa, o reducido número do alumnado. «A situación creada —tal e como sinalo o secretario do Centro— fíxonos vivir con gran inquietude e incerteza este curso, a ter que repensar o noso centro polo futuro incerto e, sobre todo, polo problema vocacional que está no transfondo da situación. Con todo, pódese considerar que nos mantivemos, e mantémonos, con ilusión na tarefa porque a obra é do Señor».
Por último, despois da conferencia impartida polo profesor José Carlos Rodríguez titulada «Heidegger e a linguaxe», houbo unha homenaxe a seis profesores con motivo da súa xubilación: Avelino Bouzón, Leonardo Fuentes, Juan Luís Martínez, Anxo Marzoa, Avelino Muleiro e Juan Carlos Sendón.
A pesar da perda da filiación coa UPSA, o Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo manterá a súa ampla oferta formativa para presbíteros, aspirantes ao diaconado permanente, seminaristas e segrares a través da DECA, do curso de Teoloxía para sacerdotes, do curso de formación teolóxico-pastoral para aspirantes ao diaconado permanente e de «Ágora: Escola de Teoloxía, ministerios e servizos».