O sábado 5 de xullo, ás 12.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía na que se bendirá, no centro urbano de Salceda de Caselas —rúa Vigo, 12—. a capela do Cristo das Angustias. A nova capela pertence á parroquia de Santa María de Salceda e permanecerá aberta de luns a domingo en horario de 09.00 a 21.00 horas, para quen desexe facer un intre de oración e ademais, todos os venres, celebrarase a misa, ás 20.30 horas en horario de verán e ás 19.30 horas, no inverno.
A capela é un espazo de máis de 300 metros cadrados, cuxo proxecto foi dirixido polo arquitecto Xosé Ceferino Castro Martínez e conta con dúas boas imaxes talladas en madeira, unha da Virxe e outra de Cristo, obras do tallista Kiko Vieitez. . A nova capela dispón así mesmo de espazos adecuados para o desenvolvemento de diversas actividades pastorais da parroquia de Santa María de Salceda.
Debido ao crecemento poboacional que experimento Salceda nos anos 90, unha familia natural da parroquia doara un terreo para construír nel unha capela apta para dar servizo relixioso na zona do centro; ao ser expropiado o mesmo polo concello para construír o actual parque Raiña Aragonta, a diocese de Tui-Vigo destinou o diñeiro da expropiación, no ano 2020, á adquisición do baixo situado no número 12 da rúa Vigo, onde está a actual capela que o sábado se inaugura.



