17 de Marzo de 2026,
San Patricio

Inauguración do campanario da igrexa de Reboreda

Inauguración do campanario da igrexa de Reboreda

Coincidindo co inicio da novena en honra á virxe María, patroa do templo de Reboreda , o martes 5 de agosto, a comunidade parroquial de Santa María de Reboreda  inaugura o campanario da súa igrexa que foi restaurado tras as desfeitas provocadas polo impacto dun raio en marzo  de 2022. En colaboración coa asociación cultural «Campaneiros de Galicia», ás 17.00 horas, haberá un obradoiro de toques de campá impartido pola asociación, seguido do repenique e volteo de campás para a novena da virxe. Tras proxectar unha pequena reportaxe da reconstrución, ás 20.30 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía e bendicirá o campanario.

O 8 de marzo de 2022, a cúpula do campanario barroco da igrexa de Santa María de Reboreda  sufriu o impacto dun raio que provocou a caída de máis de cen bloques de pedra e afectou o tellado do templo e á balaustrada do campanario. A pesar diso, as campás permaneceron intactas.

Nos meses seguintes, baixo a dirección do mestre canteiro Pelayo Alfaya, iniciouse o proceso de restauración: a recolocación no chan dos bloques e a súa clasificación para avaliar o estado de conservación. Durante o verán de 2022, realizouse un premontaxe a tamaño natural no atrio, embarcándose nun complexo crebacabezas de máis de 22 toneladas de pedra, integrando bloques recuperados e dez novas pezas.

A Xunta de Galicia aprobou, posteriormente, un orzamento de 300.000 euros para completar a obra: consolidación estrutural, consolidación na fachada e recolocación da cúpula no seu emprazamento orixinal, previsto para mediados de 2025.

A igrexa barroca de Santa María de Reboreda , construída no século XVII, consta de tres campás: a maior, de 90 cm de diámetro e 423 kg de peso, foi fundida en 1997 por Abel Portilla, en Cantabria; a mediana, de 72 cm de diámetro e 217 kg de peso, e a pequena, de 52 cm de diámetro e 82 kg de peso, foron fundidas en 1962 pola «Casa Cabrillo» en Salamanca.