28 de Marzo de 2024

,

San Sixto III
28 de Marzo de 2024

,

San Sixto III

Indicacións diocesanas para a posta en marcha do culto público

Indicacións diocesanas para a posta en marcha do culto público

Vigo, 07-05-2020

Estimados sacerdotes, membros de vida consagrada e segrares.

A partir do próximo luns 11 de maio restablécese o culto público. Este é un acontecemento importante para cada comunidade cristiá, que está desexosa de achegarse á súa igrexa para poder rezar, pedir polos que morreron e encomendar o traballo daqueles que se entregaron con xenerosidade ao longo destes días difíciles. Tamén o é para o conxunto da sociedade civil, no que Igrexa e as igrexas están encarnadas; a apertura dos templos é un signo da normalización das nosas vidas.

 Con todo debemos ser cautelosos e cumprir as indicacións das autoridades sanitarias. A este respecto a Conferencia Episcopal Española publicou, o pasado 29 de abril, unha Nota con algunhas medidas a seguir. A diocese de Tui-Vigo asume o contido de devandita Nota e, despois de consultar cos arciprestes e co Consello Episcopal, compleméntaa con algunhas observacións propias.

As igrexas deben ser espazos seguros. Por esta razón facemos públicas as seguintes recomendacións, que non debemos ver como restritivas senón como unhas medidas necesarias para salvagardar e protexer a saúde das persoas. Por iso debemos acollelas con espírito de colaboración e comuñón, sen intentar converter o noso criterio particular en norma nin o noso desexo en lei.

 Invitamos pois a sacerdotes, membros de vida consagrada e segrares, a que coñezan e cumpran estas orientacións, co desexo e a esperanza de que, máis pronto que tarde, volveremos poder encher con xúbilo os nosos templos.

José Vidal Novoa

1. Fases de aplicación

A “desescalada” desenvolverase en catro fases:

  • Fase 0: (data estimada: do 4 de maio ao 10 de maio)

Mantemos a situación actual. Culto sen pobo. Atención relixiosa personalizada poñendo atención especial aos que perderon a seres queridos. Preparamos en cada diocese e parroquias as fases seguintes.

  • Fase 1: (data estimada: do 11 de maio ao 24 de maio)

Permítese a asistencia grupal, pero non masiva, aos templos sen superar o terzo do aforo, con eucaristías dominicais e diarias. Quizais con preferencia ao acompañamento das familias no seu duelo.

  • Fase 2: (data estimada: do 25 de maio ao 7 de xuño)

Restablecemento dos servizos ordinarios e grupais da acción pastoral cos criterios organizativos e sanitarios -metade do aforo, hixiene, distancia- e medidas que se refiren a continuación.

  • Fase 3: (data estimada: do 8 de xuño ao 21 de xuño)

Vida pastoral ordinaria que teña en conta as medidas necesarias ata que haxa unha solución médica á enfermidade.

2. Disposicións de carácter xeral

  • Prorrógase a dispensa do precepto dominical.
  • Invítase ás persoas maiores, doentes ou en situación de risco a que valoren a conveniencia de non saír dos seus domicilios.
  • Os sacerdotes en activo que por idade ou enfermidade poidan ser grupo de risco quedan liberados, se o consideran oportuno, da atención ao culto. Deberán comunicarllo ao arcipreste para xestionar as celebracións extraordinarias que poida haber nesas parroquias.
  • Recoméndase que os fieis fagan uso de máscara con carácter xeral
  • As pías de auga bendita continuarán baleiras.
  • As portas das igrexas manteranse abertas á entrada e saída das celebracións para non ter que tocar os tiradores ou pomos.

3. Á entrada da celebración

  • Os párrocos buscarán persoas que colaboren para organizar a entrada, colocación, mobilidade e saída dos fieis.
  • Cada parroquia fará público o número máximo de persoas que poden acceder ao templo, tomando como criterio de referencia a distancia de seguridade, que está establecida en 2 metros.
  • Ofrecer xel hidroalcohólico ou algún desinfectante similar, á entrada e saída da igrexa.

4. A ter en conta durante a liturxia

  • Evitar os coros na parroquia: recoméndase manter un só cantor ou algunhas voces individuais e algún instrumento. Non haberá folla de cantos nin se distribuirán as lecturas ou calquera outro obxecto ou papel.
  • Extremar o coidado e a desinfección daqueles obxectos que poden ser usados por varias persoas: libros litúrxicos, micrófonos…
  • Por razóns de hixiene e para evitar a proximidade física recoméndase deixar as cestiñas nas portas do templo para que os fieis, ao saír, depositen alí as súas esmolas.
  • O cáliz, a patena e os copóns, estarán cubertos coa “palia” durante a pregaria eucarística.
  • O sacerdote celebrante desinfectará as súas mans ao empezar o canon da misa e inmediatamente antes e despois de distribuír a comuñón aos fieis. Os demais ministros da comuñón antes de distribuíla.
  • O saúdo de paz pódese suprimir; en caso de non facelo buscarase un xesto que evite o contacto directo.
  • O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo”. “Amén”), pronunciarase de forma colectiva despois da resposta “Señor non son digno…”, distribuíndose a Eucaristía en silencio.
  • Recoméndase encarecidamente a comuñón na man.
  • No caso de que o sacerdote sexa maior, establecer ministros extraordinarios da Eucaristía para distribuír a comuñón.

5. Á saída da celebración

  • Ao final da celebración recordarase aos fieis que non deben agruparse no adro da igrexa. Convén establecer a saída ordenada da igrexa.
  • Despois de cada celebración desinfectaranse os obxectos que puideron ser tocados: bancos, tiradores, pomos, etc. Para esta limpeza, que poden facer persoas voluntarias, usarase algún produto desinfectante ou unha mestura de 10 partes de auga e 1 de lixivia.

6. Outras celebracións

  • A celebración do Sacramento da reconciliación e os momentos de escoita dos fieis:
    • Ademais das medidas xerais, hase de escoller un espazo amplo, manter a distancia social asegurando a confidencialidade. Tanto o fiel como o confesor deberán levar máscara. Ao acabar, aconséllase reiterar a hixiene de mans e a limpeza das superficies.
  • Bautismo:
    • Rito breve. Na administración da auga bautismal, fágase desde un recipiente ao que non retorne a auga utilizada, evitando calquera tipo de contacto entre os bautizandos. Nas uncións pódese utilizar un algodón ou bastonciño dun só uso, incinerándose ao terminar a celebración.
  • Confirmación:
    • Quedan suspendidas ata novo aviso.
  • Matrimonio:
    • Os aneis, arras, etc., deberán ser manipulados exclusivamente polos contraentes. Mantéñase a debida prudencia na firma dos contraentes e as testemuñas, así como na entrega da documentación correspondente.

Sobre a celebración dos Sacramentos da iniciación cristiá e do matrimonio remitimos á Nota publicada pola Vigairía de Pastoral o 21 de abril do ano en curso.

  • Unción de enfermos:
    • Rito breve. Na administración dos óleos pode utilizarse un algodón ou bastonciño como se indicou anteriormente. Os sacerdotes moi maiores ou enfermos non deberían administrar este sacramento a persoas que están infectadas por coronavirus. En todo caso, obsérvense as indicacións de protección indicadas polas autoridades sanitarias correspondentes.
  • Exequias de defuntos:
    • Os funerais e as exequias seguirán os mesmos criterios da misa dominical. Aínda que sexa difícil neses momentos de dor, insistir en evitar os xestos de afecto que implican contacto persoal e a importancia de manter distancia de seguridade.
    • A partir da Fase 1 poderán asistir á inhumación no cemiterio un máximo de 15 persoas.

As persoas asistentes a estas celebracións sacramentais serán membros da familia ou próximos á mesma, sen exceder nunca o aforo sinalado.

  • Concelebración:
    • Mentres non se aplique a 3ª fase, a concelebración só está permitida aos sacerdotes que teñen vida en común.
  • Festas e romarías:
    • Convén informar con antelación ás autoridades civís por se houbese algún impedimento ou se fose necesaria a presenza das forzas e corpos de seguridade do Estado.
    • Organizaranse de maneira que se eviten aglomeracións: incrementando o número de Misas e/ou celebrando nun espazo aberto e amplo, ou colocando altofalantes cara ao exterior.
    • Alí onde a romaría implica tamén unha festa profana valorarase a oportunidade de dialogar coa Comisión de Festas para coordinar accións.
    • Quedan suprimidos, ata novo aviso, aqueles xestos da relixiosidade popular que impliquen contacto físico: bicar as imaxes, tocalas…
    • As procesións que ocupen o espazo público deberán contar cos permisos necesarios que requira a autoridade local e acomodarse as condicións que exixan.
    • Se se prevé que non se van dar as condicións para garantir os niveis de seguridade sanitaria que se nos esixen, deberase suprimir a celebración.

7. Visitas á Igrexa para a oración ou adoración do Santísimo

Seguir as pautas xerais ofrecidas, evitando a concentración e sinalando os lugares para a oración e a adoración.

Non permitir visitas turísticas nas fases 1 e 2 da “desescalada”.

8. Utilización de dependencias parroquiais para reunións ou sesións formativas

As reunións de tipo pastoral poderanse ter a partir da segunda fase, cun máximo de 1/3 de aforo en lugares cuxo aforo habitual é de 50 persoas, respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

Na terceira fase o aforo pasa a ser de 1/2 en lugares dun aforo habitual de 50 persoas e de 1/3 en lugares dun aforo habitual de 80 persoas nas mesmas condicións de distancia e utilización de máscaras.

Texto completo:

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp