29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio
29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio

IV Consello Diocesano de Pastoral

IV Consello Diocesano de Pastoral
Foto: Consejo Diocesano de Pastoral | © Sara Gaviño

Baixo a presidencia do noso bispo, D. Luis Quinteiro Fiúza, o sábado 21 de xaneiro de 2023 reuniuse a Plenaria do Consello Diocesano de Pastoral no Seminario Maior de Vigo para dialogar e recoller as achegas das persoas que forman este consello ao respecto do Documento de Traballo para a Etapa Continental do Sínodo.

Tras o rezo de Tercia e a lectura da acta da xuntanza anterior tomou a palabra o noso bispo quen, despois dunha cálida benvida, agradeceu o traballo das persoas do CDP, especialmente no que atinxe á elaboración do Plan Pastoral.

D. Luis dixo que o camiño sinodal segue avanzando. Agora estamos na etapa continental, e hoxe somos chamadas e chamados a dar resposta ás tres cuestións formuladas no documento de traballo para esta etapa. Afirmou que este é un proceso no que nos temos que sentir fondamente implicadas e implicados, un proceso no que temos que seguir, sentir e escoitar o Espírito.

Ao noso redor, na sociedade e na Igrexa, hai cousas que non nos gustan, cousas que queremos cambiar. D. Luis afirmou que temos que mirar cara adiante, non deixarnos levar pola nostalxia. Tampouco polo individualismo, pois pódenos levar a pensar que o Espírito do Señor é o que nós pensamos. Chamou a mirar cara dentro para discernir, e rematou a súa intervención coa invitación a responder esta pregunta: realmente nós e as nosas comunidades estamos abertas ao Espírito do Señor ou estamos á procura dun espírito pensado por nós?.

Despois destas palabras do noso Bispo, tomou a palabra o Vigairo de Pastoral, D. Xosé Vidal Novoa, quen comentou que a finais de novembro de 2022 chegou á Secretaría do Sínodo o documento de traballo “Ensancha el espacio de tu tienda”, para ser traballado nos grupos. D. Xosé Vidal dixo que se fixo unha síntese de dito documento que se enviou por correo electrónico xunto co mesmo a todas as persoas que forman a Plenaria o pasado 2 de xaneiro.

D. Xosé Vidal salientou algunhas cuestións interesantes deste documento de traballo para a etapa continental:

  • O documento constitúe unha síntese de todos os continentes, o que nos abre á catolicidade.
  • É un documento claro e transparente que non pasa de longo ante os problemas da Igrexa.
  • É un documento que quere recoller a voz do Pobo de Deus.
  • É un documento no que se dá moita importancia ao diálogo, á escoita, ao discernimento.
  • É un documento que destaca a sinodalidade como unha forma de ser e facer Igrexa

Despois destas palabras, abriuse un diálogo sobre as tres cuestións que propón o documento, diálogo que deu lugar a opinións variadas, destacando a insistencia sobre o papel da muller na Igrexa, a importancia da mocidade e a urxencia que nos plantexa o mundo da pobreza.

Recolléronse as achegas da plenaria do CDP para enviar á Secretaria do Sínodo.

Rematou a asemblea ás 12:50 horas.

Almudena Suárez Cerviño

Secretaria do Consello Diocesano de Pastoral

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp