9 de Marzo de 2026,
Santa Francisca Romana

Javier Mallo: «Todo era gratitude, alegría, unidade. Nunca vivira algo así»

Javier Mallo: «Todo era gratitude, alegría, unidade. Nunca vivira algo así»
FOTO.- Javier Mallo, participante en el Jubileo de la Juventud

Todo empezou cando o meu amigo Nacho faloume do Xubileu. Insistiume en que era unha experiencia única, algo que non me podía perder. Ao principio, non o vía tan claro. Fora un ano bastante aloucado para min, e non estaba no meu mellor momento co Señor. Pero algo en min dixo: «E se este é o momento de reconectar?». Así que me lancei.

Lembro ese primeiro día, subíndome ao bus, cun pouco de nervios. Só coñecía a catro persoas —grandes amigos, si— pero o resto eran completos descoñecidos. E, con todo, desde o minuto un, fixéronme sentir como un máis de toda a vida. Foi unha acollida de 10. Xente incrible, corazóns abertos, e unha fraternidade que me marcou desde o principio.

Tamén quero destacar a dúas persoas que fixeron todo moito máis fácil: don Samuel e don Suso. Desde o primeiro momento estiveron aí, cunha proximidade e unha dispoñibilidade que non me esperaba. Grazas a eles, atrevinme a confesarme por primeira vez. Algo que parecía tan difícil, converteuse nun paso liberador.

Un dos momentos máis fortes foi en Tor Vergata. Estabamos miles de mozos e mozas, con calor, cansazo, condicións difíciles… e, aínda así , tiñamos sempre un sorriso na cara. Ninguén se queixaba. Todo era gratitude, alegría, unidade. Nunca vivira algo así. Sentinme en paz, de verdade. Unha paz grande, profunda, que non sentira en moito tempo.

Durante estes días, fixen tamén a miña primeira oración. E non foi algo superficial. Foi coma se me atopase comigo mesmo. Sentinme novo, renovado, cunha alegría sincera que xa non depende do que pensen os demais ou de se alguén entende ou non a miña fe. Hoxe, simplemente, sei que creo en Deus, e iso bástame.

Estou infinitamente agradecido por todo o que vivín, pola xente, polos momentos, pola fe redescuberta. Este Xubileu non só foi unha viaxe: foi un antes e un despois na miña vida.

Javier Mallo, colexio Carmelitas Vedrunas