12 de Outubro de 2024

,

Nuestra Señora del Pilar
12 de Outubro de 2024

,

Nuestra Señora del Pilar

José Antonio, emigrante retornado de Venezuela: “Deus tennos coidado, porque chegamos sen nada”

José Antonio, emigrante retornado de Venezuela: “Deus tennos coidado, porque chegamos sen nada”

Orixinario de Ponferrada, José Antonio Fernández fixo a súa vida en Venezuela. Pai de familia, mestre con estudos de posgrao en Inglaterra e profesor de universidade por máis de 20 anos, a súa idea era desfrutar dunha merecida xubilación na súa residencia de Caracas. Mais a crise política, económica e social, a falta de garantías sociais e a escaseza de produtos básicos de supervivencia fixo que, ao igual que millóns de venezolanos, José Antonio e a súa esposa se viran obrigados a abandonar a súa terra.

No encontro de familias migrantes e retornadas que o pasado 22 de decembro organizou a Delegación de Pastoral Familiar, tiveron oportunidade de falar da súa historia, e hoxe José Antonio comparte o seu testemuño cos nosos lectores

– Tes estado a maior parte da túa vida en Venezuela. Que viviches alí en todos estes anos?

– Eu estiven cos Salesianos dende os 13 anos, profesei e ofrecinme para ir a Venezuela como misioneiro. Alí traballei nunha escola artesanal para rapaces pobres e, vendo que a miña vocación se orientaba cara á familia, saín do seminario e me incorporei en Caracas aos Cursillos de Cristiandad. Aí atopei á que sería a miña esposa, casamos e tivemos 4 fillos. Gradueime e conseguín traballo nunha Universidade do interior, en Puerto Ordaz. Sempre pensei que un pode ser misioneiro tamén sen ser relixioso, e niso estamos. De feito, aquí estou tamén nos Equipos de Nosa Señora, e no coro da Parroquia do Rocío xunto coa miña esposa.

– Fixéstedes toda a vosa vida en Venezuela… Como decidístedes deixar o país?

– Viñemos en 2015, cando ámbolos dous estabamos xa xubilados. Tiñamos unha posición de clase media: podiamos vivir ver, tiñamos o futuro asegurado… pero de pronto chegou este vendaval, esta tormenta, e quedamos sen ningún recurso económico. Sen posibilidade de manternos cunha pensión despois de tantos anos de traballo, xa que en 2015 o goberno deixou de pagar as pensións aos que saímos do país, puidemos vender a casa, e con iso conseguimos vir e vivir aquí ao principio.

– Estamos falando de deixar o fogar, o país, toda unha vida. Como se comeza de cero?

– Logo de ter estado 50 anos en Venezuela, loxicamente eu sinto bastante a situación dos migrantes, porque eu son unha das vítimas dela. Eu non quería vir. Os fillos vían que non tiñamos outro saída, e grazas a Deus tomamos a decisión a tempo: agora non teríamos podido vender o que tiñamos, tería sido peor quedármonos alí. Para entenderlo hai que vivilo en primeira persoa. Tennos custado moito. Pasamos a non ter nada, a depender da axuda dos demais…

– Por que España e por que nese momento?

– Nós non coñeciamos praticamente nada aquí en España, pero tiñamos unha filla aquí. Os nosos fillos tiñan conseguido vir antes a Europa e pedíannos que saísemos de Venezuela. Para entón, xa tiñamos pasado por varios problemas: secuestráranme para roubar o coche, pasei por unha operación…

– Qué aconteceu?

– Unha tarde, eu viña de dar clase e fun mercar o pan. Xa estaba un pouco escuro, e cando fun abrir o carro [coche], póñenme unha pistola aquí [sinala enriba dos cadrís] e dinme: “denos las llaves inmediatamente y siéntese”. Eran dous rapaces novos: un colleu o volante e outro quedou atrás, coa pistola, apuntándome en todo momento. Comezaron a dar voltas por un barrio marxinal da periferia, despistándome… Finalmente, dixéronme: “bájese, nos gusta mucho su coche; pida un taxi que lo lleve a la casa”. Saín dando grazas a Deus: a outros, matáronos.

– Quedaches sen o coche, mais conservaches a vida…

– Exacto, conservei a vida. Despois tiven unha enfermidade, un fibroma no pulmón con secuelas que aínda debo seguir tratando. Se tivese continuado alá, probablemente tivese morto, porque a “seguridade social” está polo chan: a xente morre, non é posible tratar o cáncer, un terzo dos nenos con desnutrición… Nun país ao que lle sobraban os recursos… Moi triste.

– Dende a distancia, como ves a situación actual e as perspetivas de futuro para Venezuela?

– Vexo un panorama moi difícil. En Venezuela tense instaurado un sistema comunista que non deixa o poder facilmente. É un sistema moi intelixente, porque xa non fusilan ás persoas, mais aos contrarios ao réxime, ata aos deputados elixidos polo pobo, os acosan, os perseguen, son torturados, métenos en cárceres sen luz. Pouco a pouco, van apertándolles as caravillas. Xa non importa a Constitución, senón a revolución: agora vese claro que non lles interesa o benestar do pobo, senón a revolución. Chávez tiña prometido marabillas: que ía promover a industrialización do país, que todos ían ter traballo…, pero sufrimos a deriva cara a Cuba. É un libreto aprendido. Aínda que non hai cartilla de racionamento, dan bolsas de comida cada 15 ou 20 días con un pouco de fariña, un pouco de arroz… E co “carné da patria”, conséguese un bono de alimentación. É un sistema moi ben planificado.

– Seguides mantendo o contacto con amigos que quedaron alá?

-Si, comunicámonos con eles. Tiñamos moitísimos amigos na parroquia, sufrimos con eles vendo o que lles acontecía a moitos, con problemas de saúde e situacións ben complicadas… Penso nun matrimonio amigo que pode sobrevivir cun pequeño negocio, pero os seus fillos, que escaparon a outros países, préganlles que saian. Outro amigo noso, capitán da Mariña, tivo que pedir asilo político… É difícil vir, abandonar todo e comezar a vivir coma un pobre. Case tódolos amigos que tiñamos alá están vivindo sós; os fillos marcharon do país.

– No voso caso, como vos ten axudado a fe a ver que Deus é un Pai que non vos  deixa sós?

– Deus ten sido espléndido con nós. Espléndido, sinceramente. Todo nos saíu ben… Pouco a pouco, téñense ido amañando as cousas: logramos sobrevivir, alugar un pequeno piso, sentímonos acollidos na parroquia… Coa axuda de Deus, vamos saíndo adiante. Coa fe, a un fáiselle máis pequena a carga. Deus tennos coidado moito e conduciunos sempre polos seus camiños do mellor xeito posible.

Entrevista realizada por María del Camino Viana, Dir.a da Sala de Prensa do Bispado

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp