O sábado, 13 de xullo, ás 20 horas, presidida por Mons. Luís Quinteiro Fiuza, promotor de Stella Maris en España, o templo votivo do mar de Panxón acollerá a tradicional Ofrenda do Mar. A delegación diocesana de Stella Maris de atención ao mariño, que preside Elvira Larriba Leira, é a encargada de escoller cada ano ao oferente. Nesta ocasión, a elección recaeu en José Antonio Prendes, vicepresidente da Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueiros (AETINAPE), en representación da Mariña Mercante, pois cada ano a homenaxe de fe e devoción á Virxe do Carme recae nunha das catro mariñas: a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva.
Tras a misa e un momento de adoración eucarística terá lugar desde a porta do templo a bendición dos mares co Santísimo sacramento.
Na súa mensaxe con motivo do «Día das xentes do mar», Mons. Luís Quinteiro Fiuza, promotor de Stella Maris en España, expresa que «hai que facer tamén énfase especial no coidado da xente de mar, daqueles que co seu traballo fan posible tanto a pesca como o transporte da maior parte de mercadorías que consumimos en todo o mundo». Así exhorta «a todos os sacerdotes, diáconos, relixiosos, relixiosas, voluntarios e voluntarias para que se esforcen en atendelos humana e espiritualmente», así como «ás autoridades civís nacionais e internacionais para empregar todos os medios humanos e económicos na preservación dos mares».
Foi no ano 1939, cando o templo votivo de Panxón celebrou por vez primeira a Ofrenda do Mar que, ademais de ser unha homenaxe das mariñas á Virxe, converteuse nunha oportunidade para revalorizar o papel dos mariños e visibilizar os graves problemas que afectan as súas vidas e familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración do «Día das xentes do mar» que se celebra todos os anos, o 16 de xullo, facéndoo coincidir coa festa católica da Virxe do Carme.
Desde 1944, tras a Asemblea Nacional do Apostolado do Mar que tivo lugar en Bilbao, a diocese de Tui-Vigo foi un referente para toda España na defensa e protección dos dereitos do mariño, grazas ao labor desenvolvido no coidado dos traballadores e as familias que dependen do mar.