O xoves 23 de febreiro, ás 18.30 horas, na concatedral-basílica de Santa María, darán comezo os actos da Semana Santa de Vigo coa lectura do pregón a cargo do arcebispo de Braga, Mons. José Manuel Garcia Cordeiro. Acto seguido, haberá unha intervención musical do Coro de Voces Graves de Vigo.
Con esta elección, a diocese de Tui-Vigo quere poñer en valor o sentido relixioso da Semana Santa da cidade olívica nun ano de especial importancia para o país luso que, do 1 ao 6 de agosto de 2023, acollerá a Xornada Mundial da Mocidade que o papa Francisco convocou en Lisboa. Ninguén mellor que o arcebispo bracarense para proclamar entre nós a importancia para a vida cristiá de eventos deste tipo, como a JMJ, que permiten coñecer o sentido universal da Igrexa.
A través da delegación para a Semana Santa de Vigo que, desde xullo de 2021, preside Carlos Borrás Díaz de Rábago, a diocese de Tui-Vigo quere dinamizar espiritualmente as manifestacións relixiosas nas parroquias do Concello vigués e impulsar as expresións de fe na semana principal do calendario cristián.
Sobre Mons. José Manuel Garcia Cordeiro, arcebispo de Braga
Mons. José M. García Cordeiro naceu en 1967 en Vila Nova de Seles (Angola). Foi ordenado sacerdote en 1991, incardinándose na diocese de Bragança-Miranda. En 1991, foi nomeado formador no Seminario diocesano e capelán do Instituto Politécnico de Bragança.
En 2001, licenciouse en Liturxia no Pontificio Ateneo e Colexio Santo Anselmo de Roma, onde exerceu como profesor ata 2011. Posteriormente, foi nomeado vicerreitor do Pontifico Colexio Portugués en Roma, do que sería reitor do 2005 ao 2011. Foi nomeado bispo de Bragança-Miranda en 2011.
Desde 2016, é membro do Dicasterio para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos da Santa Sede. No ámbito da Conferencia Episcopal Portuguesa; desde 2014 é presidente da Comisión Episcopal de Liturxia e Espiritualidade; desde 2017, vogal do Consello Permanente e, desde 2018, delegado dos Congresos Eucarísticos Internacionais.
O 3 de decembro de 2021 é nomeado arcebispo metropolitano de Braga.