Coincidindo coa celebración da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado que a Igrexa convocou baixo o lema «Deus camiña co seu pobo», o 29 de setembro, unhas 220 persoas de 18 nacionalidades diferentes asistiron, no colexio San Xosé de Cluny en Vigo, ao Encontro para Migrantes que organizou a delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo. O bispo Mons. Antonio Valín tamén acudiu para acompañar aos asistentes e celebrar con eles a eucaristía na capela do colexio.
Durante a súa intervención, o prelado tudense lembrou que «calquera persoa que teña un corazón bo é bendicida por Deus; sexa ou non da miña parroquia ou do meu país». Así, ao fío dos consellos do papa Francisco que pide deixar ao carón a «cultura do descarte», Mons. Antonio Valín resaltou a importancia de vivir nunha actitude de acollida permanente, independentemente da cultura ou o país de orixe, subliñando que, como cristiáns, «tócanos sumar porque canto máis sumemos, máis evanxélicos seremos, xa que somos o pobo elixido por Deus».
A xornada tamén contou coa participación de sacerdote dominico, xornalista, influencer e exconcursante de MasterChef , frei Marcos J. García S. OP, que impartiu a charla «Boa nova de predicación, en predicocinando ». Ademais deste momento formativo, houbo momentos lúdicos para establecer lazos e contactos, mediante unha comida de confraternización e diversas actividades como o “bingo migrante” para persoas de todas as idades
A delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo subliña a importancia desta xornada como un espazo de encontro que pon de manifesto a crecente diversidade e riqueza cultural da cidade olívica, así como a súa capacidade para acoller a persoas de todo o mundo; ademais, pon de manifesto o interese por este tipo de iniciativas entre a poboación migrante. Entre os países participantes, destacaron: Arxentina, Quenia, México, Venezuela, Colombia, Perú, Ecuador, Guatemala, República Dominicana, Honduras, O Salvador, Paraguai e España.