17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

Máis de cincuenta persoas peregrinaron ao santuario francés de Lurdes

Máis de cincuenta persoas peregrinaron ao santuario francés de Lurdes
FOTO.- Peregrinos de la diócesis de Tui-Vigo en el santuario francés de Lourdes | © Noelia Reyes

Do 12 ao 16 de xuño, cincuenta e catro persoas de diferentes comunidades parroquiais da diocese de Tui-Vigo peregrinaron ao santuario francés para venerar á patroa dos enfermos, nunha viaxe organizada pola Hospitalidade diocesana da Nosa Señora de Lurdes.

A peregrinación deu comezo, o sábado, coa misa concelebrada na Gruta do santuario francés ante a imaxe da virxe. A continuación, houbo tempo para visitar diferentes lugares da localidade francesa na que viviu santa Bernadette Soubirous. Pola tarde, os peregrinos participaron na procesión do Santísimo e a bendición dos enfermos, desde a Gruta ata a basílica de San Pío X. O día finalizou coa procesión das velas pola praza do santuario.

Ao día seguinte, domingo, os fieis da diocese de Tui-Vigo asistiron á misa internacional na basílica de San Pío X e continuaron co rezo do viacrucis na montaña —as persoas con dificultades de mobilidade  rezárono na pradería—. Pola tarde, tiveron a oportunidade de rezar o rosario en español na Gruta ante a imaxe da virxe.

O luns, último día da peregrinación, tras a celebración da eucaristía no convento das nais Clarisas, os peregrinos tiveron oportunidade de coñecer o santuario da Nosa Señora de Betharram . A peregrinación finalizou cun momento de oración enfronte á Gruta, na outra parte do río xunto á imaxe de santa Bernardette.

Algúns testemuños da peregrinación

Do medio centenar de persoas que peregrinaron a Lurdes, algúns acudiron por primeira vez a este santuario a francés. É o caso de Antonio, fregués da parroquia de San Miguel de Ponteareas, para quen o máis sorprendente da viaxe foi «a espiritualidade coa que se vive a fe no santuario. A min, particularmente, axudoume a repotenciar a miña fe na virxe». Durante estes días de peregrinación, Antonio redescubriu o agarimo de María  e sentiu a súa protección ante calquera dúbida, inseguridade ou medo: «volvo totalmente agradecido e satisfeito».

Tamén Bárbara, da parroquia de San Francisco de Asís en Vigo, asistiu por primeira vez a este santuario mariano. Para ela, que traballa no ámbito da sanidade en Madrid, a peregrinación axudoulle «a ver e entender a enfermidade desde os ollos da fe, a través de  as persoas enfermas que acoden a Lurdes. A verdade é que foi unha experiencia bonita e alegroume poder participar, axudando mesmo a quen o necesitaba».

O caso de Esperanza , da parroquia de San Xosé Obreiro e Santa Rita de Vigo, é completamente diferente aos anteriores. Realizou a súa primeira peregrinación a Lurdes no ano 1982 cun grupo de mozos sanitarios, convidados por unha relixiosa da congregación de San Vicente de Paúl: «eu quedeime atrapada e enganchada a Lurdes, prestando servizos no hospital e nas piscinas, durante moito anos. Eu sabía que tiña unha cita sempre no mes de xuño e reservaba uns días de vacacións para vir». Despois de tanto tempo peregrinando ao santuario mariano en Francia, «infinidade de veces en piscinas chorei de emoción coas vivencias de peregrinos que se ispen por dentro, que quedan sen palabras, só coa súa fe», explica.

Días intensos de fe, oración, fraternidade e servizo

Luís Cedeira, consiliario da Hospitalidade da Nosa Señora de Lurdes da diocese de Tui-Vigo, expresa que «foron  días intensos de fe, de oración, de fraternidade, de servizo. Lembramos e levamos no corazón os momentos vividos aos pés da virxe María na Gruta de Masiabel , o rosario, as eucaristías, as procesións, o xesto da auga, o rezo do Via Crucis… En fin, tantos momentos compartidos que nos axudaron a sentir o agarimo da Virxe María». Así mesmo, agradece «a Deus e á virxe de Lurdes, o que supuxo compartir estes días con cada peregrino, cos enfermos, cos voluntarios que ofreceron o seu tempo, o seu esforzo, a súa axuda, ao longo de toda a peregrinación»

Agora, xa de regreso, o consiliario pide á virxe que «consolide e fortaleza a nosa hospitalidade diocesana e que xurdan persoas voluntarias que queiran comprometerse con esta misión de divulgar a mensaxe de Lurdes de vivilo e de ter esa especial sensibilidade cara aos enfermos».