O pasado sábado, máis de corenta persoas de diferentes ámbitos da diocese de Tui-Vigo reuníronse no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo para constituír o Consello diocesano de Pastoral, un órgano que reflicte a realidade da diocese e que axuda ao bispo en todo o referente á tarefa evanxelizadora. O encontro estivo presidido polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, quen agradeceu, en nome de toda a comunidade diocesana, o esforzo e dispoñibilidade dos novos membros.
Durante a súa intervención, o prelado tudense expresou que «nos toca poñernos á escoita do Espírito, que irá falando a través de cada un de nós para ver como levar adiante a tarefa encomendada da evanxelización nesta terra, neste momento histórico e nesta sociedade na que vivimos». Aos corenta e catro membros do consello, monseñor Antonio Valín pediu catro cousas: «sinceridade fraterna, para poder falar de todo, acollendo o que din os irmáns e pensando sempre no ben da nosa Igrexa; discreción, que nos leva a falar aquí con confianza, sen comentarios noutros foros; ilusión e compromiso, porque nas nosas mans está que poidamos pensar, falar e sentar as bases para unha mellor planificación diocesana, para abrir novos camiños e estilos de evanxelización; e apertura ao que nos suxira o Espírito no corazón de cada un e a través dos irmáns, para mirar de lonxe, crer no noso traballo e soñar».


Tras as palabras iniciais do bispo de Tui-Vigo, o vigairo de Pastoral, José Vidal, explicou o traballo desenvolvido durante os últimos meses cos integrantes da comisión permanente do anterior Consello. Froito deste traballo é o Plan Pastoral 2025-2026, que se presentará polas diferentes zonas do territorio diocesano a finais do mes de outubro. En relación a este documento, José Vidal subliñou que «a chegada dun novo bispo, despois de catorce anos do episcopado de monseñor Luís Quinteiro, implicaba pararnos e facer unha fotografía do momento actual que estamos a vivir na diocese».
Así, o obxectivo deste ano é analizar a realidade diocesana, a través de oito cuestionarios anónimos para diferentes grupos de persoas —parroquias, sacerdotes, axentes de pastoral, fieis e persoas non practicantes, que sexan ou non crentes—, que elaboraron os membros da anterior comisión permanente. Durante a reunión, os membros do Consello de Pastoral revisaron os cuestionarios que, proximamente, publicaranse en formato papel e dixital.


A reunión finalizou coa elección dos membros da comisión permanente do Consello diocesano de Pastoral, cuxas funcións, entre outras, son organizar as sesións do pleno e asesorar ao bispo en asuntos pastorais urxentes. Ademais de votar á comisión permanente, foi necesario elixir á secretaria, que será a encargada de levantar e arquivar as actas das sesións, así como das convocatorias e notificacións derivadas de cada reunión.

Este ano, celébrase o 30 aniversario da constitución do primeiro consello, baixo a presidencia do bispo monseñor José Cerviño. Desde entón, este órgano consultivo funcionou de maneira continuada, renovándose cada catro anos ou, como nesta ocasión, cando se produce un cambio na sede episcopal. Na actualidade, está conformado por 44 persoas: 15 sacerdotes e 29 segrares, dos cales, 20 son mulleres.