Baixo o lema «Voluntari@, signo de esperanza», o 18 de outubro, noventa e catro persoas participaron na XXII Xornada de Voluntariado, organizada por Cáritas Diocesana de Tui-Vigo. Mediante esta iniciativa, a entidade caritativa ofreceu un espazo de encontro, convivencia e formación para todos os que colaboran con ela acompañando a aqueles que máis o necesitan, aos últimos e non atendidos.
A xornada comezou cunha peregrinación xubilar desde a capela da Virxe do Camiño ata o Seminario Menor «San Paio » en Tui, pasando pola ponte romana sobre o río Louro, a igrexa de San Bartolomeu ou o asilo, entre outros. O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañou aos voluntarios e voluntarias de Cáritas, aos que dirixiu tamén unhas palabras de agradecemento polo seu compromiso cos máis desfavorecidos.
Unha vez no Seminario Menor e finalizado o descanso, houbo unha feira de experiencias na que se presentaron as diferentes propostas que se están levando a cabo nas Cáritas parroquiais da diocese de Tui-Vigo. Tras a comida de confraternización, presentouse a Estratexia para o Voluntariado elaborada por Cáritas Española. Finalmente, celebrouse a eucaristía na catedral de Tui, amorno xubilar diocesano durante o Xubileu 2025, convocado baixo o lema «Peregrinos de esperanza».


