Vigo, Cans, Tui, Rebordáns, Budiño, Porriño ou Gondomar son só algúns dos lugares de procedencia dos cento quince mozos e mozas que asistiron á Xornada Vocacional organizada o pasado sábado 12 de marzo no Seminario Maior San José de Vigo. Co lema «E ti…? E se…?», a delegación de Pastoral Vocacional quería visibilizar a diversidade e riqueza vocacional que custodia a Igrexa.
O primeiro impacto para estes mozos foi descubrir o gran chamado á vocación cristiá, á santidade, que articula a vida e concrétase en vocacións máis específicas: ao sacerdocio, ao matrimonio, á vida relixiosa ou á vida misioneira. A partir de aí os participantes, novos e axentes de pastoral que os acompañaban, puideron realizar un “roteiro vocacional” por diferentes talleres nos que se profundaba nos diferentes aspectos da vocación.
Finalmente, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria deu a coñecer o labor de acompañamento que, desde hai anos, desenvolven con mozos de diferentes ambientes e idades. Esta charla conxunta no salón de actos do Seminario constituíu unha oportunidade para que mozas que participan asiduamente na Pastoral, xunto a outros que acaban a aterrar, convertésense en protagonistas que testemuñaron a riqueza da fe compartida en comunidade.
En total, a delegación de Pastoral Vocacional calculou que o máis dun centenar de mozos e mozas proviñan de 25 realidades diferentes da diocese de Tui-Vigo, entre parroquias e colexios relixiosos, provocando que se completase o aforo ata o punto de que, algúns acompañantes —catequistas, sacerdotes e axentes pastoral que traballan con mozos— tiveron que permanecer no exterior da capela do Seminario durante o momento de oración final. Con todo, a inesperada cantidade de asistentes non supuxo un impedimento para retratar o momento cunha fotografía familiar na que tamén os acompañou o bispo, Mons. Luís Quinteiro.
A través deste encontro, a delegación de Pastoral Vocacional quixo visibilizar o Día do Seminario que, en España, celebrarase o sábado 19 de marzo baixo o lema «Sacerdotes ao servizo dunha Igrexa en Camiño», que se inspirou no proceso sinodal que está a vivir a Igrexa enteira desde outubro do pasado ano e ata o ano 2023 —«Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión» é o título do sínodo dos bispos convocado polo papa Francisco—.