20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

Manifesto da HOAC con motivo do Día Internacional da Muller

Manifesto da HOAC con motivo do Día Internacional da Muller

Coincidindo co Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo, a Irmandade Obreira de Acción Católica da diocese de Tui-Vigo súmase ao manifesto «Pola dignidade das mulleres. Traballo decente, dereito, non privilexio», que publicou a iniciativa «Igrexa polo Traballo Decente». Nesta ocasión, a organización subliña que «a economía mergullada perpetúa a vulnerabilidade de millóns de traballadoras, negándolles dereitos fundamentais e condicións dignas de vida».

A iniciativa «Igrexa polo Traballo Decente» está conformada por entidades e organizacións de inspiración cristiá: Cáritas, Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC), Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica (MEC) e Mocidade Obreira Cristiá (MOC). O obxectivo é favorecer dinámicas para sensibilizar, visibilizar e denunciar sobre o traballo humano o traballo humano e anunciar o concepto de traballo decente «cara ao interior das nosas organizacións, cara á Igrexa en xeral e cara á sociedade».

Manifesto de Igrexa polo Traballo Decente con motivo do 8 de marzo

Pola dignidade das mulleres. Traballo decente, dereito, non privilexio.

Desde a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente denunciamos a desigualdade, explotación e precariedade que afectan especialmente ás mulleres no ámbito laboral. A economía somerxida perpetúa a vulnerabilidade de millóns de traballadoras, negándolles dereitos fundamentais e condicións dignas de vida.

Un berro pola xustiza laboral e igualdade

O traballo é clave para a dignidade humana. A economía somerxida nega este dereito ao privar ás mulleres de empregos xustos e equitativos. Urxe que esta problemática sexa priorizada nas axendas políticas e sociais. “O traballo é un dereito fundamental e un ben para o home: un ben útil, digno, que corresponde á súa dignidade, que expresa e acrecenta a dignidade humana” (Compendio da Doutrina Social da Igrexa, 287)

As mulleres na economía somerxida: Unha realidade invisible

Tanto en Galicia coma no conxunto do Estado español calcúlase que a economía somerxida supón en torno ao 16% do PIB. É moi difícil calcular cal é a participación exacta da muller nesa porcentaxe, sen embargo, todos os estudos coinciden en que é maioritaria en todos os casos. Moitas empregadas do fogar, xornaleiras, coidadoras e limpadoras traballan sen contratos nin protección social, enfrontando xornadas extensas, salarios baixos e despedimentos arbitrarios. A situación é aínda máis grave para as mulleres migrantes, quen, debido a barreiras administrativas, racismo e xenofobia, vense obrigadas a aceptar empregos informais. Ademais, moitas enfrontan riscos de trata e explotación sexual.

Propostas para un cambio transformador

Desde Igrexa polo Traballo Decente propoñemos accións concretas para combater a economía somerxida e mellorar a vida das traballadoras:

  1. Regularización laboral: Formalizar empregos en sectores como o doméstico, agrícola e de servizos, eliminando barreiras administrativas e protexendo os dereitos laborais.
  2. Inspección e cumprimento de leis: Fortalecer os mecanismos de inspección laboral e sancionar a quen exploten ás traballadoras e traballadores, acompañados de campañas informativas sobre dereitos laborais.
  3. Regularización de migrantes: Garantir permisos de residencia e traballo xustos para as persoas migrantes, contribuíndo a unha economía máis equitativa.
  4. Educación e capacitación: Implementar programas formativos para que as mulleres accedan a empregos de calidade, fomentando tamén a súa organización e liderado.
  5. Acompañamento pastoral e social: A Igrexa debe continuar apoiando ás traballadoras que sofren vulneracións de dereitos laborais, escoitándoas, acompañándoas e denunciando inxustizas, reflectindo o compromiso evanxélico coas persoas vulnerables.
  6. Conciliación e corresponsabilidade: Promover políticas que equilibren a vida laboral e familiar, como permisos parentais igualitarios e servizos de coidado accesibles e de calidade.

Un chamamento á esperanza.

O 8 de marzo é unha oportunidade para renovar o noso compromiso coa xustiza social. Como seguidores e seguidoras de Xesús, debemos enfrontar estruturas de exclusión e pobreza como a economía somerxida, con valentía e esperanza. Tal como expresou o Papa Francisco ao convocar o Xubileo 2025 baixo a lema “Peregrinos de esperanza”, estamos chamados a redescubrir a forza transformadora da fe e a esperanza.

É posible transformar un mundo onde as mulleres vivan con dignidade e o traballo sexa unha fonte de vida plena. Sigamos loitando por un traballo decente para todas e todos, e por unha sociedade na que ninguén sexa invisible.

Traballo decente, dereito, non privilexio