O sábado 24 de maio, a parroquia-santuario de María Auxiliadora en Vigo celebrou a festa en honra á súa patroa. Desde primeira hora da mañá e ata as nove da noite, houbo misas no templo parroquial, onde, ás 19:00 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía solemne lembrando que «María é unha muller, unha crente, unha esposa, unha nai, unha veciña, unha muller normal… Pero unha muller que, sendo normal, foi capaz de abrir o corazón á acción de Deus; foi capaz de crer en Deus profundamente; e foi capaz de entregar a vida a ese Deus que a ama».
Durante a súa intervención, o prelado tudense destacou a figura de María, como a dunha muller de fe, oración e alegría, que a converteu nunha discípula misioneira: «muller de fe, porque é capaz de atopar a Deus na súa existencia, porque se fía e obedece. Vendo o que facía Xesús, percorrendo os camiños con él, aprendeu a ser discípula. Para iso, María tamén foi muller de oración, capaz de establecer un diálogo profundo e íntimo con Deus. Converteuse en misioneira, porque atopou en Deus a razón da súa vida; no seu fillo, a razón da súa existir; e no acompañamento da Igrexa, a razón da súa esperanza».
Celebrando a festa en honra a María Auxiliadora, expresou o prelado tudense, «queremos facer un acto de fe nese Deus que ela nos sinala e, con ela, queremos que a nosa devoción sexa auténtica. Esta devoción lévanos a identificarnos e mirarnos no espello que é María». Monseñor Antonio Valín finalizou a súa intervención subliñando que «María é a nosa nai, o noso auxilio en todos os momentos, bos e malos. Ela, continuamente, é o faro que nos indica onde mirar, cara a onde volver o corazón e onde poñer a nosa esperanza: o seu fillo, Xesucristo».
Finalizada a eucaristía, a imaxe da virxe, na súa advocación de María Auxiliadora, percorreu as rúas da cidade, acompañada tamén das imaxes de san Juan Bosco e santo Domingo Savio, que un grupo de mozos portou durante todo o percorrido.
O 15 de maio, deron comezo os actos en honra a María Auxiliadora co rezo do rosario e da novena, previos á celebración da eucaristía diaria no templo parroquial. Nesta ocasión, os encargados de predicar a novena foron os salesianos Eugenio González Domínguez e Óscar Bartolomeu Fernández. O próximo 30 de maio, día das celadoras, celebrarase a imposición de medallas e, ao día seguinte, 31 de maio, realizarase unha homenaxe a María Auxiliadora en Cambados.