O pasado sábado, 7 de decembro, durante a vixilia da Inmaculada que organizou a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo, o bispo tudense, Mons. Antonio Valín, exhortou a mocidade para mirar a María como modelo de fe e a pedir un corazón como o da virxe, aberto e dispoñible para cumprir a vontade de Deus. O prelado tamén resaltou o compromiso, a valentía e a fidelidade como actitudes esenciais na vida cristiá, seguindo o exemplo de María.
Tras a celebración da misa, os mozos e mozas compartiron un momento de adoración eucarística, guiado polo sacerdote Angel Carnicero, delegado de Pastoral Vocacional. O compromiso, a vocación, as feridas e a vulnerabilidade foron algúns dos temas sobre os que se centrou este momento de oración, que concluía cunha invitación para responder con prontitude e amor ao plan de Deus, seguindo o exemplo da virxe María.
Finalmente, nos locais parroquiais do Corazón de María, os mozos e mozas puideron gozar dun momento de convivencia fraterna cunha cea compartida e algúns xogos en equipo. A delegación tamén aproveitou esta ocasión para presentar a peregrinación a Roma que está a organizar con motivo do Xubileu da mocidade, que se desenvolverá do 27 de xullo ao 3 de agosto de 2025.
A través de actividades deste tipo, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo busca crear espazos de encontro para conectar aos mozos e mozas que participan da vida da Igrexa en calquera punto da xeografía diocesana, de modo que poidan coñecer diferentes realidades para continuar crecendo e profundando na fe, xunto a máis mozos e mozas. Desde hai anos, tamén ofrecen espazos de formación, acompañamento e nova evanxelización como o curso Alpha ou «Unha luz na noite», para que a mocidade poida aprender falar da fe a outros mozos e mozas.