O venres, 3 de xullo, pola mañá, varios membros da directiva da confraría do Santísimo Cristo da Vitoria encabezados pola súa presidenta, Dna. Marora Martín-Caloto, reuníronse co alcalde da cidade, D. Abel Caballero, para concretar distintas cuestións ao redor da festividade do Santísimo Cristo da Vitoria. Así, transmitiron o seu desexo de que a lectura do pregón do día 1 de agosto, ás 12:30 horas no Pazo de Castrelos , sexa encomendada a Dna. Marían Mouriño Terrazo, presidenta do Celta. Pola súa banda, D. José Enrique Pereira, presidente do Grupo Pereira, será quen porte o estandarte do Cristo da Vitoria.
Por outra banda, tamén se deu a coñecer o nome do predicador convidado deste ano, o Excmo. e Rvdmo. Sr. D. Joan Enric Vives, bispo emérito de Urgell.
No transcurso da reunión, concretáronse ademais diversos puntos acerca da procesión do Cristo da Vitoria e os actos que a rodean. O percorrido da procesión será o dos últimos anos: Rúa Real, Berbés, Cánovas del Castillo, Montero Ríos, Concepción Arenal, Colón, Príncipe e Porta do Sol.
A presidenta da Confraría destacou a «colaboración total e o interese para que todo transcorra perfectamente» mostrado polo Concello, que colaborará de novo coa Confraría nos gastos, incluíndo a instalación dunha pantalla que se situará nas inmediacións da concatedral-basílica a través da que se poderá seguir o descendemento da imaxe o sábado 1 de agosto a partir das 20:30 horas, e as misas do día da festividade, desde primeiras horas ata a saída en procesión. Así mesmo, a Alcaldía mostrou a súa disposición para facilitar que o descendemento do Santísimo e os actos do día posterior sexan retransmitidos en streaming a través distintos sitios web, entre eles, a páxina web da Confraría, www.cristodevigo.es.