A Igrexa celebra o día de Pentecostes, este ano o 28 de maio, o Día da Acción Católica e Apostolado Segrar. «Xuntos anunciamos o que vivimos» é o lema que a Comisión Episcopal para os Laico, Familia e Vida propón para a Xornada deste ano. A diocese de Tui-Vigo organiza a XL Semana de Apostolado Segrar, coa que se suma á celebración desta xornada, a través dunha serie de actos que comezarán o martes 23 de maio.
Ademais dos materiais creados desde a Conferencia Episcopal Española, a delegación episcopal de Apostolado Segrar da diocese de Tui-Vigo pon ao dispor de todas as parroquias e realidades eclesiais un subsidio litúrxico para animar a celebración do domingo 28 de maio, solemnidade de Pentecoste e día da xornada, en cada unha das 276 parroquias da diocese.
Cal é a mensaxe dos bispos da CEE?
A Xornada deste ano, explican os bispos da Comisión Episcopal para os Laico, Familia e Vida, «convídanos a todos os bautizados, especialmente aos laico, a tomar conciencia da importancia do anuncio explícito de Xesucristo, con palabras e con obras».
Esta Comisión, anuncian, quere levar a cabo un exercicio de discernimento sobre o Itinerario do Primeiro Anuncio pois as conclusións do proceso sinodal evidencian que é unha prioridade pastoral para a Igrexa en España. Ademais, recóllese como unha preferencia nas orientacións pastorais da CEE (2021-2025), Fieis ao envío misioneiro.
Tamén «nos urxe» a situar o primeiro anuncio como núcleo e eixo do labor pastoral como Igrexa responder o cambio «de época»: «A sociedade actual, marcada pola secularización e o pluralismo, colócase cada día máis de costas a Deus e a maioría das persoas viven coma se Deus non existise. Se hai uns anos a fe foi arrinconada ao ámbito privado da persoa, agora foi en moitos casos expulsada mesmo dese espazo. Podemos afirmar que estamos a asistir a unha situación de esquizofrenia crente, porque se estableceu unha contraposición entre a vida de fe e a vida cotiá».
O primeiro anuncio, matizan, atopa o seu fundamento no mandato expreso de Xesús, «que nos convida á evanxelización: Ide ao mundo enteiro e anunciade o evanxeo a toda a creación (Mc 16,15). E en contexto actual, caracterizado en moitos casos polo descoñecemento e a indiferenza cara á persoa de Xesús, estamos chamados a facernos presentes, a nivel persoal e comunitario, nos espazos públicos para anunciar o kerigma con linguaxes adecuadas ao interlocutor e especialmente co noso testemuño».