A delegación de Pastoral Vocacional anima a parroquias, delegacións, asociacións e movementos eclesiais da diocese de Tui-Vigo a sumarse ao Congreso de Vocacións, que o Servizo de Pastoral Vocacional da Conferencia Episcopal Española organizará do 7 ao 9 de febreiro de 2025, en Madrid.Así, ofrécense tres fichas de discernimiento que se poden incorporar ao traballo cotián dos grupos de traballo que existen nas diferentes realidades da diocese de Tui-Vigo.
O delegado de Pastoral Vocacional da diocese de Tui-Vigo, Ángel Carnicero, insiste en que non se trata de organizar novas actividades ou propostas, senón de empapar as accións ordinarias da nosa pastoral para visibilizar o Congreso, concienciándonos da necesidade de cambiar a cultura vocacional. Así, convida a grupos de catequistas, de liturxia ou de familias, entre outros, a incorporar estas fichas no seu labor cotián para descubrir a vocación como unha chamada á misión que é para todos.
Ademais de traballar as fichas de discernimiento, a delegación de Pastoral Vocacional de Tui-Vigo convocará un encontro diocesano de preparación para este Congreso, o 14 de decembro, ás 10.30 horas, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo.
Materiais — Fichas de discernimiento
Congreso de Vocacións
Ante o reto da cuestión vocacional, a Igrexa en España, a través do Servizo de Pastoral Vocacional, quere poñerse a escóita do Señor para facerse eco da pregunta que o papa Francisco formula na exhortación Christus Vivit: «Para quen son eu?». Este interrogante está dirixido a todo o mundo, pero especialmente aos máis novos, co obxectivo de abrir unha procura desde o discernimiento que se ofrece na Igrexa, entendida como a «asemblea de chamados para a misión».
O gran obxectivo do Congreso é celebrar unha gran festa da Igrexa, un encontro eclesial que, coa súa preparación e acollida posterior, axude a recoñecer que o Señor segue chamando —á vida, á fe e á misión— e, por iso, a vida cristiá é vocación; máis aínda, a vida é vocación en canto se vive como resposta a unha chamada.
O segundo gran obxectivo do Congreso é impulsar e consolidar en cada unha das dioceses españolas un servizo que anime a vida vivida como vocación e promova os distintos camiños vocacionais. Así, quérese promover un exercicio de colaboración, un proxecto compartido entre laicos, matrimonios, consagrados e sacerdotes.