A delegación de Pastoral Familiar propón unha «Oración multimedia» para testemuñar a beleza do amor entre as parellas de noivos e os mozos que se atopan nun momento de discernimento vocacional. Esta actividade, organizada en colaboración coa delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria (PJU), terá lugar durante os habituais encontros que a PJU desenvolve os mércores ás 21 horas —neste caso concreto trátase do mércores 16 de febreiro— no templo parroquial do Corazón de María, desde hai dous anos.
Esta oración multimedia forma parte das actividades propostas para a Semana do Matrimonio, cuxo lema «Matrimonio é +» manifesta a intención de ofrecer unha oportunidade para que os matrimonios católicos renoven o seu compromiso, así como para mostrar á sociedade a beleza do matrimonio.
Trátase dunha proposta a nivel nacional que puxo en marcha a Subcomisión para a Familia e a Defensa da Vida da Conferencia Episcopal Española e que se enmarca no contexto do Ano da «Familia Amoris Laetitia», convocado polo papa Francisco en decembro de 2020; un ano que arrincou en marzo do pasado ano coincidindo co 5º aniversario da publicación de Amoris Laetitia, a exhortación apostólica do Santo Pai que fala da beleza do matrimonio.
Desde a delegación diocesana de Pastoral Familiar, animan a todas as parellas —xa sexa casadas ou camiño a recibir o sacramento— a participar nas actividades propostas e tamén a descargarse a APP, para enriquecer a súa vida común mediante a oración e o testemuño doutras persoas que, ao longo dos anos, aprenderon a fortalecer a súa unión conxugal a pesar das adversidades da vida.