O sábado 15 de marzo, medio centenar de persoas sumáronse á peregrinación xubilar que a parroquia da nosa Señora da Franqueira organizou desde Ribarteme, ata o santuario da virxe que, durante este ano, é un dos tres templos xubilases da diocese de Tui-Vigo. Seguindo o «Camiño dos frades», os peregrinos puideron contemplar a virtude da hospitalidade e o significado da indulxencia, da man de santa Marta e dos beatos Manuel e Adilio.
A terceira destas peregrinacións está prevista para o 11 de abril, Venres de Dores. Nesta ocasión, realizarase o camiño á inversa desde o santuario da Franqueira ata Paradanta; durante o percorrido rezarase o vía crucis e se intercederá de forma especial polos enfermos, acompañados tamén da cruz xubilar.
«Camiños xubilases» é o nome desta iniciativa coa que a parroquia quere achegar os aspectos fundamentais do Xubileu 2025, a través dos diferentes percorridos que conducen ao santuario da Franqueira. En total, están a organizarse nove peregrinacións diferentes non só pola orografía e dificultade do roteiro, senón tamén polas distintas temáticas que se abordarán. As próximas datas e lugares de saída son 11 de abril, da Franqueira a Paradanta ; 3 de maio, Santa Cruz Baldomar; 28 de xuño, Covelo; 19 de xullo, Albeos e Pena de Francia; 9 de agosto, Mouriscados; 11 de outubro, Paraños; e 25 de outubro, Lamosa.
O 29 de decembro de 2025, coincidindo coa inauguración do Xubileu 2025 na catedral tudense, a diocese de Tui-Vigo estableceu tres templos xubilases para que todas aquelas persoas que teñan dificultades para peregrinar a Roma poidan gañar tamén a graza do Xubileu: a catedral en Tui, a concatedral-basílica en Vigo e o santuario da nosa Señora da Franqueira. Entre as accións previstas para o Ano Xubilar, a diocese de Tui-Vigo tamén está a organizar unha nova peregrinación a Roma no mes de xuño.






