18 de Xuño de 2026,
Santos Marcos y Marcelino

Mensaxe con motivo da festa de Pentecoste

Mensaxe con motivo da festa de Pentecoste

Benqueridas/os amigas/os:

            Un ano máis celebramos a festa do Espírito, Pentecoste. Non é só un mero recordo do pasado; celebramos a irrupción do Espírito Santo hoxe, que é lume, dinamismo e empuxe. E este Espírito, regalo do Resucitado ven sostendo á Igrexa desde o inicio e derrama os seus dons de xeito xeneroso, sobre todos e cada un de nós, sacúdenos na nosas inercias e comodidades.

            Nesta xornada, celebramos o Día do Apostolado segrar, e este ano propónsenos o lema Pobo de Deus que sae ao encontro. Cada discípulo/a do Resucitado somos pobo de Deus, e somos invitados a saír: da nosa zona de confort, dos nosos costumes e rutinas, das nosas apatías, e pisar a lama do día a día, manchándonos as mans coa realidade do mundo e enchendo de vida todo o vivido.

            Dicíanos o documento final do Sínodo algo ben importante: os laicos non son meros colaboradores, senón suxeitos corresponsables da única misión da Igrexa. As nosas parroquias, o noso mundo, precisan do criterio, do talento profesional, da capacidade de decisión real, do compromiso de cada discípula/o de Cristo. Non podemos deixar que os medos, dúbidas e complexos nos leven ao repregamento ou á comodidade. Non podemos quedarnos pechados nas sancristías ou nas propias casas. O Espírito de Pentecoste empúxanos cara fora, a saír, e saír ao encontro de cada home e muller, de cada realidade, de cada situación, para levar unha pinga de esperanza evanxélica. Este é o tempo do compromiso cívico-social, tamén do compromiso eclesial. Seguir a Xesús esíxenos implicarnos activamente na política, nos sindicatos, nas asociacións veciñais, na ecoloxía, na cultura, na defensa dos máis vulnerables, na opción polos pobres… e tamén nas comunidades parroquiais e grupos, nas asociacións laicais dentro da Igrexa, nos movementos apostólicos, nas delegacións diocesanas… para ir xuntos, coa corresponsabilidade de todos, sementando Evanxeo e construíndo o Reino de Deus.

            A nosa propia historia local márcanos o camiño. No Sínodo diocesano que celebramos entre 2002-2006, invitábasenos a espertar e camiñar, a botar as redes e remar mar adiante. Aquela experiencia de Igrexa, rica e esperanzadora, celebrouse para xerar un cambio estrutural, unha conversión persoal, pastoral e social irreversible… cambio no que é preciso afondar e camiñar máis. Non podemos perder aquela ilusión nin esperanza!

            A Igrexa non existe para si mesma, senón para anunciar o Reino no corazón do mundo, dinos o recente Sínodo celebrado na Igrexa. Nela, cadaquén ten un papel, unha responsabilidade, un compromiso. 

            Para que este lume de Pentecoste non se quede só en palabras, invítovos a que pensedes nuns compromisos concretos para levar adiante na nosa diocese:

  • Maior participación de todos (sinodal) na túa comunidade/parroquia: creando e dándolle vida aos Consellos parroquiais de pastoral e economía. Non sexades espectadores, senón metédevos de cheo na toma de decisións e no día a día comunitario.
  • Integración en grupos, asociación de laicos (Acción Católica, Comunidades de Vida cristiá…) que nos poden axudar a unha maior vivencia e acompañamento da fe, unha formación máis axeitada e uns compromisos eclesiais.
  • Voluntariado: desenvolvendo o compromiso cívico-social que nos achegue aos máis vulnerables e á transformación social.

É o momento de saír ás rúas, de vivir a responsabilidade cívica con coraxe e coherencia cristiá. O Espírito xa se derramou; agora tócanos xuntos, corresponsablemente, arder, comprometernos e transformar a nosa realidade.  Vas deixar pasar o momento?

Feliz día de Pentecoste, feliz día do Espírito!

O voso amigo e irmán:

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo