16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Mensaxe de Coresma de Mons. Antonio Valín

Mensaxe de Coresma de Mons. Antonio Valín

Volver ao corazón

            Estamos ante unha nova Coresma que nos vai preparar para a vivencia da paixón, morte e resurrección do Señor. Este tempo é un tempo de paso: a meta está na Pascua, pero iso non significa que sexa un tempo a non ter presente. A Coresma é unha longa invitación a volver ao esencial da nosa vida, a facer un alto no ritmo cotiá e situarnos -cara a cara- co Evanxeo que nos deixou Xesucristo. Si, é un tempo de paso, pero un tempo que nos pode axudar a descubrir, con autenticidade, o significado da vida de Cristo, da súa proposta, da Resurrección que todo o fai novo e do que somos cada un. Como nos di o papa León: “é unha ocasión axeitada para escoitar a voz do Señor e renovar a decisión de seguir a Cristo, percorrendo con El o camiño que sube a Xerusalén” (Mensaxe para a Coresma 2026).

            Gustaríame compartir convosco unha serie de palabras que nos van acompañar durante este tempo coresmal:

  1. Conversión, cambio de mentalidade, costumes, criterios, opcións tempo de ser e vivir de xeito máis auténtico, volvendo continuamente ao evanxeo. É un tempo de sinceridade con Deus e con nós mesmos. Este é o momento, o tempo; fora máscaras e hipocrisía, veña a autenticidade, que se traduce en xestos ben concretos.
  2. Escoita, que nos leva a entrar en relación co Outro, cos irmáns, coas criaturas, cos pobres. A Coresma anímanos a escoitar a Deus que nos fala na vida e nos irmáns; a escoitar aos demais que nos centran no importante; a escoitar a realidade que nos achega o clamor dos vulnerables e do cosmos.
  3. Cinza, que nos fala que somos fráxiles, que nos doe o mundo, a historia, a realidade, a convivencia. Dóenos como somos e os nosos proxectos tan efémeros como a cinza que leva o vento. Somos po,  pouca cousa, pero como di o poeta, “somos po namorado” para un Deus que se empeña en contar connosco en todo momento.
  4. Tentacións, perigos no camiño, seducións que nos desvían da proposta evanxélica. Sabemos que éstas sempre nos van acompañar no camiño da vida, e que teremos que loitar sempre para sermos coherentes, pero contamos con axudas: a escoita da Palabra, o xaxún que nos fai sentir fame do auténtico, a escoita dos máis vulnerables que nos centra o corazón e nos abre á xenerosidade, a oración constante, a vida comunitaria que pon a importancia nese andar o camiño xuntos, a escoita da terra que nos invita ao coidado para o noso ben e o das xeracións futuras algunhas destas axudas son recordadas polo papa León na súa mensaxe para esta Coresma.
  5. Sal da túa terra!, de todo canto non nos deixe camiñar: rutinas, costumes, criterios, opcións… ataduras, que poden converterse nun fardo pesado que nos afasta do verdadeiramente importante. Saír sempre é difícil: pide decisión, mirar ao futuro, deixar atrás persoas, situaciónse lanzarse confiados ao descoñecido, aínda que nos inquieto. É difícil pero necesario, non podemos quedarnos á beira do camiño; o noso é avanzar sempre.
  6. Ser luz, que é unha identidade que nos regala Xesús e tamén unha responsabilidade. A nosa vida, unida ao Crucificado que resucita, está chamada a irradiar a claridade de Deus no medio deste mundo sumido en tantas tebras. A nosa vocación é sermos “faísca”, e xuntos, formar unha luminaria que espalle esperanza, sabendo que para iso é preciso consumirse  para dar luz ao mundo. “Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen ao voso Pai que está nos ceos (Mt 5,16).
  7. Compartir, que nos fala de xenerosidade, de poñer a disposición de todos o que temos e o que somos: é o tempo de dar-nos, de ensanchar o corazón, de ser-con outros. O papa Francisco, pouco despois da súa elección, dicía aquilo de “como me gustaría unha Igrexa pobre para os pobres”: este é o tempo de sermos pobres cos pobres.
  8. Xuntos. O papa León dinos: “a conversión non só atinxe á conciencia do individuo, senón tamén ao estilo das relacións, á calidade do diálogo, á capacidade de deixarse interpelar pola realidade e de recoñecer o que realmente orienta o desexo, tanto nas comunidades eclesiais como na humanidade sedenta de xustiza e reconciliación” (Mensaxe  para a coresma 2026). A Coresma é o tempo axeitado para a autenticidade que nos leve a edificar a civilización do amor, sabendo que para iso, ninguén queda excluído, e todos, somos necesarios.

A Coresma remata na Pascua do Señor que “fai novas todas as cousas” (Ap 21,5). Todo adquire un sentido novo, e iso é o que nos ten que poñer en camiño. A nosa meta é vivir con Cristo; o noso futuro é a vida, que se vai xestando no día a día, e non o fracaso.

“Eu son a Resurrección e a Vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?” (Xn 11,25), dicíalle Xesús á irmá de Lázaro. Cres ti, isto? Dicir si, é abrirse a unha transformación total, abrirse á novidade de quen é a Vida.

Esta é a oportunidade da Coresma: camiñar xuntos, unidos a todos os nosos irmáns, acompañados pola mirada tenra de María, a Nai confiada e crente, volvendo ao corazón onde está a Vida. Feliz camiño!

+ Antonio Valín

Bispo de Tui-Vigo