16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Mensaxe de Mons. D. Antonio Valín, bispo Promotor do Apostolado do Mar, ante a morte do mariñeiro Said Aga

Mensaxe de Mons. D. Antonio Valín, bispo Promotor do Apostolado do Mar, ante a morte do mariñeiro Said Aga

Antonte recibiamos a tráxica noticia do falecemento do contramaestre español de orixe marroquí e veciño de Cangas, Said Aga, a bordo dun arrastreiro conxelador galego que faenaba en augas do Atlántico suroeste.

Cando estaba a facer manobras habituais na cuberta, sufriu un golpe accidental que o levaría ao tráxico desenlace.

Tres mariñeiros cangueses faleceron xa no que vai de ano. O traballo no mar non deixa de sorprendernos sempre polas dificultades que entraña e o imprevisible que pode chegar a ser, o que nos esixe dar prioridade e ser sempre moi coidadosos con todo o referido á seguridade das persoas que traballan nos barcos.

Desde o Apostolado do Mar – Stella Maris, queremos facerlle chegar as condolencias e todo o noso afecto á súa esposa e aos seus catro fillos, así como aos compañeiros mariñeiros que ían con el no barco; rezamos ao Bo Deus, sempre misericordioso, para que o acolla, e pedimos pola súa familia, neste momento de desconcerto e dor.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Obispo de Tui-Vigo y promotor del Apostolado del Mar – Stella Maris en España