Con motivo do «Día das xentes do mar», que cada ano a Igrexa celebra o 16 de xullo, coincidindo coa festividade da nosa Señora do Carmen, patroa dos mariñeiros, Mons. Luís Quinteiro, bispo promotor do Apostolado do Mar en España e administrador apostólico de Tui-Vigo, publicou unha mensaxe, titulada «Coidade dos mares; coidade das súas xentes» e dirixida a todas as persoas vinculadas co sector marítimo.
Na súa mensaxe, Mons. Luís Quinteiro argumenta a que responde o lema deste ano, «Coidade dos mares; coidade das súas xentes»: «no contexto actual de graves problemas ambientais e dunha persistente falta de consideración polas necesidades e os dereitos da xente de mar, especialmente nalgúns países, María chámanos a coidar dos mares e a coidar das súas xentes. A contaminación dos mares é un problema perentorio, a asistencia á xente de mar unha demanda constante. Por iso, “hai que coidar deles”».
Mons. Quinteiro apóiase nos datos da ONU que sinalan que cada ano entran no océano oito millóns de toneladas de plástico «matando a vida mariña e ameazando a cadea alimentaria humana». É, pois, «de suma urxencia que todos sexamos conscientes de que debemos coidar dos mares, tan importantes para a nosa economía e a nosa subsistencia en xeral».
Tamén quere poñer unha «énfase especial no coidado da xente do mar, daqueles que co seu traballo fan posible tanto a pesca como o transporte da maior parte de mercadorías que consumimos en todo o mundo».
Tamén puntualizou que, cada vez en maior grao, os portos son focos multiculturais de intercambio e diálogo, «onde as relacións humanas e comerciais contribúen ao crecemento económico e social dun país, así como á seguridade alimentaria». Stella Maris, explica Mons. Quinteiro, exponse como tarefa urxente a súa presenza en todos os portos e lugares da costa. E fai unha chamada «a todos os sacerdotes, diáconos, relixiosos, relixiosas, voluntarios e voluntarias para que se esforcen en atendelos humana e espiritualmente».
Ademais, convida «a alzar a súa voz reclamando que se incremente o benestar da xente de mar nos portos e a bordo dos barcos». Á vez que exhorta, «ás autoridades civís nacionais e internacionais para empregar todos os medios humanos e económicos na preservación dos mares».
«Confiamos en que esta xornada festiva da nosa patroa a Virxe do Carmen sexa unha ocasión para meditar sobre a importancia de coidar dos mares e das súas xentes», conclúe a mensaxe.

Coidade dos mares; coidades das súas xentes
Mensaxe de Mons. Luís Quinteiro, bispo promotor do Apostolado do Mar en España e administrador apostólico da diocese de Tui-Vigo, con motivo do «Día das xentes do mar», que a Igrexa celebra o 16 de xullo, coincidindo coa festividade da nosa Señora do Carmen, patroa dos mariñeiros.