Ante a proximidade da celebración do Día do Seminario, que a Igrexa en España convoca baixo o lema «Sementadores de esperanza», o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, publicou unha mensaxe na que lembra que esta xornada «ten que ser unha chamada de atención a toda a comunidade diocesana. Todos na Igrexa seguimos a Jesús, e cada un faio desde a súa vocación. Todos implicados e todos responsables. Cando celebramos esta Xornada pensamos nos futuros sacerdotes, que son responsabilidade de todos. Orar por eles, acompañalos co noso agarimo, coidalos é valorar moito o traballo realizado polos formadores e profesores, e valorar a ilusión de cada mozo e crer na obra que Deus vai facendo en cada un deles».
Durante a súa mensaxe, o prelado agradece o traballo que están a realizar as comunidades do Seminario Interdiocesano «Apóstolo Santiago» e do Seminario Menor «San Paio» de Tui. De maneira especial, dá grazas polo proceso vocacional que están a realizar os catro seminaristas da diocese tudense, así como «a súa ilusión e xenerosidade; a súa docilidade para acoller aquilo que a Igrexa propón e eles van descubrindo co equipo formativo. Eles son o presente e o futuro, a nosa alegría e a nosa esperanza».
Finalmente, D. Antonio convida a «recoñecer e agradecer o que fan os sacerdotes nas nosas comunidades. Eles son peregrinos e sementadores de esperanza entre nós e connosco. Eles acompáñannos e tamén necesitan que os acompañemos […]. Con acertos e erros, son pontes que nos achegan a Deus e canles polos que Deus faise presente no medio de nós. É xusto que lles deamos grazas, valorémolos e acompañemos»
Cada ano, ao redor da festa de san Xosé, a Igrexa en España celebra o «Día do Seminario» que, nesta ocasión, está previsto para o domingo 16 de marzo, baixo o lema «Sementadores de esperanza». A xornada preséntase como unha ocasión para dar grazas, mostrar apoio aos seminaristas, formadores e as súas familias, ademais de para pedir polas vocacións sacerdotais. Ademais, as colectas dominicais desta fin de semana serán destinadas ao sostemento dos seminarios.