Dinos o profeta Isaías: o pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz (Is 9,1). Dispoñémonos a celebrar un novo Nadal, revivindo que Deus faise realidade no medio de nós: el é a Luz que disipa as nosas tebras e a esperanza no noso camiño.
Falar de Nadal é falar de luz, desa luz que nos invita a ver co corazón, de xeito novidoso, a realidade que nos rodea. É falar de capacidade de asombro para ver e mirar, recoñecer e contemplar. Que? A un Neno, pequeno e indefenso, que se nos regala, que se nos dá, e que desde a súa fraxilidade nos invita a sermos irmáns e a mirar a realidade como El o fai. Si, o Nadal é tempo de asombro, porque só quen se asombra ante un Neno pode descubrir a un Deus tan sorprendente; só quen sabe mirar con asombro pode descubrir no rostro do outro a un irmán; só quen se deixa sorprender pode aceptar unha proposta diferente, que pon á persoa no centro de todo, que racha coas diferenzas que nos separan e polarizan, que busca o que hai no corazón de cadaquén e valora todos os esforzos por buscar a paz e sementala, pode albiscar a esperanza no medio da realidade social e eclesial que nos envolve.
O Nadal tamén é contemplación dun Deus cercano, pobre, humilde e indefenso, un Deus vulnerable e dependente de todos, un Deus necesitado do ser humano. É contemplación, tamén, dun ser humano que se realiza en plenitude cando se fai cercano a ese Deus.
O Nadal é acollida que nos leva a abrir as portas do noso fogar, a sermos “pousada” para tantos e tantas que andan a buscar un refuxio, unha casa, unha familia.
O Nadal é compromiso porque vemos nese berce de Belén a Deus que se fai un con cada persoa, anunciando aos pobres que si hai esperanza e liberación. Cando todo un Deus elixe o camiño da pobreza, estanos a invitar a sermos pobres, a vivir cos pobres, sendo un cos pobres.
O Nadal é reencontro, cun Deus que sae ao camiño mil veces na noso procura; reencontro con tantas persoas que se misturan con nós, coas que facemos camiño. Reencontro que nos leva a tender pontes e derrubar muros e diferenzas, a non descartar a ninguén e a converternos en “casa de todos”.
O Nadal é transformación, porque ver o que vemos en Belén non nos pode deixar indiferentes. Quen vai a Belén, coa súa historia persoal, volve cargado da cercanía do amor de Deus que nos invita a sermos transformados.
O Nadal é soñar. Xa o Advento nos animaba a soñar e unir os nosos soños aos de Deus que quere o ben e a salvación de todos. No Nadal Deus faise presente para toda a humanidade sen excepcións, en total liberdade. Deus faise Neno con olor a ovella, e fai resoar no corazóns dos marxinados aquela boa nova anunciada polos anxos: Non vos asustedes. Vai haber unha gran alegría para todo o pobo: Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor (Lc 2, 10-11).
O Nadal fala dun soño que se fai realidade en todos, en ti e en min. Un Deus que nos di sempre, con sabor de eternidade, ameite (Ap 3,9). Non estamos sós, e as escuridades que nos envolven e inquedan, desaparecen coa presenza daquel que é a Luz. Non estamos sós, e anque a vida non sexa fácil en tantas ocasións, hai Alguén que permanece amando e facéndose un connosco, e que nos di ameite.
Dunha vida monótona e difícil, sen esperanza de cambio ou mellora, o Nadal nos leva ao anuncio do Mesías que naceu no medio de nós, o seu pobo. Unha vez máis, temos que repetir que si hai esperanza. Precisamos crer nesta esperanza, confiar nela, esperar nela, comprometernos con ela.
É hora de vivir como testemuñas da luz, confesar a Cristo como a esperanza que non falla (Rom 5,5), e achegar aos feridos do camiño, aos desesperanzados, aos que teñen fame e sede, sinais de tenrura, de coidado, de alegría e confianza (Campaña Cáritas 2025-26).
É Nadal; a todas e todos, moi bo Nadal, cheo de Deus e dos pobres; cheo de Luz e Esperanza. E que nunca, nunca nos falte a paz!
O teu amigo e irmán
+ Mons. Antonio Valín Valdés
Obispo de Tui-Vigo