16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

Miguel Fernandes e Manuel Marín xa son acólitos

Miguel Fernandes e Manuel Marín xa son acólitos
FOTO.- Miguel Fernandes y Manuel Marín reciben la bendición del obispo de Tui-Vigo | © Diocese de Tui-Vigo.

Onte, 1 de decembro, acompañados por familiares e amigos que abarrotaron a capela do Seminario Maior «San Xosé» en Vigo, Miguel Fernandes, seminarista, e Manuel Marín, candidato ao diaconado permanente, recibiron o ministerio do acolitado nunha celebración presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, xunto ao emérito, Mons. Luís Quinteiro, e numerosos presbíteros diocesanos; tamén estiveron presentes os 22 seminaristas e os 3 formadores que conforman a comunidade do Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago». Ao finalizar a celebración, houbo un ágape para confraternizar. 

Durante a súa intervención tras a Liturxia da Palabra, o prelado tudense alentou aos novos acólitos a «ser signo luminoso no medio da noite, exemplo de responsabilidade, devoción, creatividade e entrega no seo da nosa Igrexa. Promovede o gusto pola eucaristía e buscade espazo de silencio ante ese Deus que vén, pero non esquezades, nunca, que a eucaristía e os pobres van sempre unidos. Esa eucaristía non vos pode illar dos máis vulnerables. Todo o contrario. A vosa devoción e ministerio será auténtico cando vos leve a ser pobres cos pobres». Tamén agradeceu a Miguel e a Manuel a súa entrega xenerosa cara a ese ministerio asumido e, especialmente, ás súas familias, «onde Deus fixo xurdir a súa voz».

A Igrexa comezaba, onte, o tempo litúrxico do Advento, un tempo de preparación previo ao Nadal, durante o cual, tal e como lembrou Mons. Antonio Valín, «estamos chamados a vivir a esperanza, camiñando xuntos cara ao encontro diario e definitivo con Deus». Así, exhortaba aos presentes a «estar ben espertos para discernir a esperanza no medio de tanto abatemento; de aí a nosa actitude vixiante e esperanzada. Esta é a actitude do Advento para acoller a aquel que veu, virá e vén nos acontecementos da vida».

Este ministerio, que os achega a ambos un pouco máis ao primeiro grao da Orde Sacerdotal, o diaconado, conleva a responsabilidade de colaborar na preparación do necesario para as celebracións litúrxicas —de modo extraordinario, poden distribuír a comuñón— e na instrución dos fieis para recibir os sacramentos. En ambos os casos, o acolitado é un paso previo e de aprendizaxe para recibir o diaconado, que no caso Manuel Marín será un estado e ministerio xa permanente e no do seminarista Miguel Fernandes será unha situación transitoria cara ao presbiterado.    

Miguel Fernandes y Manuel Marín reciben el acolitado | © Diocese de Tui-Vigo
« de 15 »