A diocese de Tui-Vigo agradeceu o labor dos 461 voluntarios que, a través das Cáritas parroquiais e interparroquiais do territorio diocesano, acompañan a persoas en situación de vulnerabilidade. Durante a eucaristía de acción de grazas no templo parroquial de Santiago de Redondela, o mércores 18 de decembro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, destacou que «se algún ten dúbidas, mirando a Cáritas recupérase a esperanza. Teriamos que aprender a mirar o mundo, ás persoas e a nós mesmos desde esa esperanza, sabendo que o que humanamente é imposible, para Deus é totalmente posible».
Ademais de conmemorar o Día do Voluntariado, agradecendo o labor escondido que realizan desde Cáritas, a celebración ofreceu unha oportunidade para presentar con orgullo e alegría o novo equipo de Cáritas interparroquial Sárdoma – A Salgueira . O bispo tudense entregou ás voluntarias a placa que, a partir de agora, indicará o lugar no que se practica a Caridade nas parroquias de San Pedro de Sárdoma e Santa Lucía de Vigo —será a parroquia situada no barrio da Salgueira onde, por capacidade, establézase a acollida—.
Mediante á acollida e presentación deste novo equipo de Cáritas, a Igrexa de Tui-Vigo presenta o que é o que fai: «axudar a construír persoas. Queremos bendicir, agradecer esta realidade. Pedimos a Deus que veña a nosa realidade para que sexamos cada vez máis evanxélicos, para que poidamos levar adiante o teu Reino e para que sexamos a cara amable, que se poida amar, de Deus e da Igrexa», expresou Mons. Antonio Valín. Neste sentido, o prelado agradeceu o traballo de todas aquelas persoas que impulsan a caridade: «vós, no medio das dúbidas, dos medos, das inseguridades, do cansazo, mesmo do hartazgo, sodes capaces de dicir “por que non, Señor? Adiante con este labor”».
Finalizada a eucaristía, os asistentes puideron gozar dun chocolate quente nos locais parroquiais de Santiago de Redondela, ofrecendo así un espazo distendido onde os diferentes voluntarios de Cáritas tiveron posibilidade de confraternizar e intercambiar ideas que poidan impulsar o traballo das diferentes zonas da diocese.
Cáritas Diocesana de Tui-Vigo é a institución da Igrexa Católica responsable da acción caritativa e de promoción social no ámbito da diocese. O seu obxectivo é coordinar, posibilitar e realizar a acción caritativa e social da Igrexa, así como promover, coordinar e instrumentar a comunicación cristiá de bens en todas as súas formas e axudar á promoción humana e ao desenvolvemento integral de todas as persoas.