O martes 3 de febreiro, festividade de S. Blas, ás 14:00hrs., celebrarase unha Eucaristía na capela do Hospital Álvaro Cunqueiro, en honra do patrón dos otorrinolaringólogos. A esta Eucaristía están convidados todos os profesionais do hospital e cantas persoas desexen compartir este momento de encontro, acción de gracias e comunión.
A tradición cristiá recorda a san Blas (280 – 316) coma un médico do corpo e da alma. Entre os seus numerosos milagros, ao bispo de Sebaste recórdaselle especialmente a súa milagrosa intervención ante o afogamento dun neno. En certa ocasión unha madre tiña ó seu fillo agonizando porque se lle atravesara unha espiña do pescado na gorxa. A muller correu cara o sitio por onde pasaría o bispo de Sebaste. A angustiada madre axeonllouse ante S. Blas e presentoulle ó seu fillo que se afogaba. San Blas colocou as súas mans sobre a cabeza do neno e rezou por el. Inmediatamente a espiña desapareceu e o neno recobrou a súa saúde. O pobo aclamoullo entusiasmado.
Esta intervención milagrosa o convertiu, co paso do tempo, en intercesor de quen padece enfermidades relacionadas coa gorxa. Que san Blas interceda por todos os otorrinolaringólogos e por aqueles que, dende o hospital, traballan cada día para que a vida poida seguir sendo escoitada, respirada e pronunciada.