17 de Marzo de 2026,
San Patricio

Misa estacional do novo bispo na sede viguesa

Misa estacional do novo bispo na sede viguesa
FOTO.- Mons. Antonio Valín, en la eucaristía presidia en la concatedral-basílica | © Diocese de Tui-Vigo

Hoxe, domingo 21 de xullo, o onte ordenado bispo na catedral de Tui, Mons. Antonio Valín Valdés, celebrou a súa primeira misa episcopal na concatedral viguesa na eucaristía vespertina das 18.00 horas.

Como é sabido desde 1959, en que o papa Xoán XXIII determinou que a antiguísima diocese de Tui compartise unha sede coa cidade de Vigo, nomeándose desde entón diocese de Tui-Vigo, é preceptivo que o novo bispo tome posesión do seu ministerio na catedral e, posteriormente, fágao na concatedral-basílica.

A celebración, na que estiveron presentes as autoridades eclesiásticas, numerosos párrocos da cidade e representantes das principais asociacións católicas, así como as principais autoridades, civís e militares, da vida política e social da nosa cidade, foi presidida polo novo bispo ao que acompañaba o bispo emérito Mons. Luís Quinteiro.

Na homilía, Mons. Antonio Valín expresou que «a Igrexa é nai e familia, na que ninguén queda excluído e todos somos necesarios, imprescindibles. Todos somos chamados a camiñar tras o Mestre, a seguir as súas pegadas alí onde esteamos». Así, tal e como lembra tantas veces o papa Francisco, o novo bispo destacou que «nos toca sementar, anunciar, animar nun momento de cambio de época», no que conta con todos porque «todas as mans e esforzos son necesarios. Tócanos traballar xuntos, na Igrexa e nas diferentes institucións da nosa sociedade, e facelo con mirada ampla, achegando cada un desde o seu campo e opcións, o que mellor sabe e pode».

O prelado tamén agradeceu a presenza dos alí congregados, especialmente das autoridades civís e militares, a quen se dirixiu con estas palabras: «póñome á vosa disposición e conto con todos neste traballo común de buscar unha mellor e maior dignidade dos nosos irmáns, especialmente daqueles que viven en vulnerabilidade». 

Finalmente, o novo bispo invocou ao Cristo da Vitoria, en quen se confía e quen espera, para que « o amor de Cristo, o Señor, arda e apreme dun xeito novo neste momento que estamos a vivir e nos leve a ser discípulos misioneiros cun alento e folgos novos».

Ao finalizar a celebración, o bispo saudou persoalmente a todos os asistentes.

Misa estacional de Mons. Antonio Valín en la concatedral-basílica | © Diocese Tui-Vigo
« de 20 »