O mércores 6 de novembro, ás 11.00 horas, no Centro Comercial Vialia – Estación de Vigo (na planta baixa), Cáritas Diocesana de Tui-Vigo presentará a campaña que está a desenvolver para visibilizar o labor de reciclaxe e emprego social que leva a cabo a través do seu proxecto téxtil, Moda re-. Desde 2019, este proxecto transformou a vida de 35 persoas en situación de vulnerabilidade mediante a creación de empregos de inserción. Agora, con esta campaña, busca motivar á sociedade para apoiar e participar neste proxecto na comunidade de Vigo.
A presentación, na que se explicarán as diferentes fases da campaña, contará coa participación de: Miguel Ángel Mazorra, administrador do proxecto téxtil de Cáritas de Tui-Vigo, que explicará os principais obxectivos desta campaña; María Luz Jorge, coordinadora do proxecto téxtil, que mostrará as fases de recollida, clasificación e venda da roupa mediante vídeos ilustrativos protagonizados polos traballadores; Felicetta Gualtieri, artista e deseñadora de moda, que mostrará técnicas creativas de upcycling que se ensinarán no taller de Vialia ; e Fátima Delgado, consultora de marketing en DPI Estratexia, que fará unha demostración do funcionamento da campaña, que permite aos cidadáns escanear códigos nos contedores de Cáritas para coñecer o ciclo de reciclaxe téxtil e recibir un cupón de desconto tras completar unha serie de vídeos informativos.
Como parte da campaña, do 7 ao 9 de novembro de 2024, no Centro Comercial Vialia, Moda re- ofrecerá un taller de pintura e personalización de roupa, dirixido pola artista de upcycling Felicetta Gualtieri, que brindará aos participantes unha experiencia creativa na que poderán transformar pezas doadas mediante técnicas de estampaxe e pintura. O taller subliña o compromiso de Moda re- coa sustentabilidade e a moda circular, convidando a todos a formar parte dunha moda que cambia vidas.