19 de Novembro de 2026,
San Abdías

Mons. Antonio Valín, bispo responsable do Apostolado do Mar en España, inaugura un centro Stella Maris no Porto de Valencia

Mons. Antonio Valín, bispo responsable do Apostolado do Mar en España, inaugura un centro Stella Maris no Porto de Valencia

A arquidiocese de Valencia conta xa cun centro Stella Maris, do Apostolado do Mar, no Porto de Valencia, que foi bendicido por Mons. Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo e responsable do Apostolado do Mar na Conferencia Episcopal Española (CEE). A inauguración realizouse no marco da XXXII Asemblea Nacional do Apostolado do Mar Stella Maris, que se celebra esta semana, en Valencia, do 26 ao 29 de outubro, baixo o lema «Alzar a mirada: coidar das xentes do mar» e organizado polo departamento de Stella Maris da CEE, integrado na Subcomisión Episcopal para Migracións e Mobilidade Humana.

O novo local, como asegura o director do Secretariado Diocesano de Apostolado do Mar da arquidiocese de Valencia, o diácono permanente Antonio Moya, «está ao servizo das tripulacións dos barcos». «O enorme volume de barcos que recibe o porto de Valencia tiña unha carencia importante, un lugar que posibilite aos mariñeiros poder descansar, poder desconectar a favor da súa saúde mental e física, que poidan ter un sitio en terra firme para poder ser acollidos tamén para poder rezar ou calquera tipo de necesidade que poidan ter. Está abertos ao que necesiten as tripulacións dos barcos e, en xeral, a todas as persoas relacionadas co mundo marítimo», explica.

Na inauguración participou a presidenta da Autoridade Portuaria de Valencia, Mar Chao, que lembrou que a posta en marcha do Centro Stella Maris sitúase no marco do Comité de Benestar, cuxo obxectivo, sinalou, «é fomentar a nivel local a preocupación polo benestar das xentes do mar». Neste sentido, indicou que unha das primeiras actuacións foi acondicionar o local de Stella Maris, no que se investiu máis de 150.000 euros, «para revitalizalo e tentar entre todos, porque eu creo que isto é un servizo a toda a comunidade, a toda a nosa xente do mar, entre todos poñer todo o que estea da nosa parte para que isto non quede só nun local adecuado senón que colla vida e realmente sexa o fin que se pretende».

Pola súa banda, Mons. Antonio Valín destacou que este local «é unha gran alegría porque é un gran porto e aínda non tiñamos esta presenza, que ten que ser un lugar de acollida, o primeiro rostro amable que poida ver un mariño, que saiban que hai un lugar onde se lles poida acoller, onde se poida favorecer a integración, onde se lles poida favorecer mesmo necesidades que eles teñan». Neste sentido, o labor de Stella Maris, en palabras do bispo de Tui-Vigo , «é que sexa lugar de acollida, esperanza, tender pontes e acompañamento». Na bendición tamén participou o bispo emérito de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, presidente internacional do Apostolado do Mar.

O vigairo episcopal de Acción Social e Caritativa, Agustín Alcayde, destacou que «é un paso importante para a diocese de Valencia» e agradeceu as facilidades da Autoridade Portuaria. «Moito traballadores do mar pasan moito tempo illados e imos descubrindo que fai falta alguén que lles acolla e que lles dea un espazo e que se sentan acollidos tamén desde a fe, desde unha experiencia de encontro co Señor. Entón, é unha misión, creo que, a descubrir e fomentar e o Porto hoxe valóranolo e cre que vale a pena apostar por iso», engadiu.

O novo local de Stella Maris no Porto de Valencia comezará a súa andaina abrindo polas tardes e grazas ao apoio dun grupo de voluntarios, algúns deles vinculados o Porto ou á parroquia Santa Maria do Mar. Como sinala Antonio Moya «aquí farase presente o lema de Stella Maris, ’É o teu fogar lonxe do fogar’, que isto sexa fogar deles tamén, unha extensión da súa propia casa».