Baixo a mirada do Cristo da Vitoria que preside o altar da concatedral-basílica de Vigo, ás 18 horas do Venres Santo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, celebrou o oficio da Paixón do Señor, co que a Igrexa convida o pobo de Deus a mirar o madeiro da cruz para conmemorar o seu propio nacemento e a súa misión de estender a toda a humanidade a mensaxe evanxélica de Xesús. Alí, durante a liturxia da Palabra, o prelado tudense afirmou que «a paixón do noso Señor Xesucristo é o testemuño último que el nos deu do seu amor cara a nós. Entregouse ata o final, totalmente».
Mons. Luís Quinteiro convidou a todos os presentes a lembrar as imaxes da paixón de Xesucristo que «os artistas, dunha maneira excepcional, elaboraron para que o pobo cristián sentise como un Deus pode sufrir» e así, lembrando esas imaxes, exhortou aos presentes para sentir como está presente a paixón de Jesús, na paixón do xusto que mencionan as antigas escrituras. Nesta liña, o bispo manifestou que «a morte de Cristo repítese en cada xusto que sofre, en cada ser humano que é obxecto de inxustiza ou que, sinxelamente, sofre pola enfermidade, pola dor»
«Por que morre Xesucristo? Por que sofre o xusto? Por que o ser humano ten que levar a súa cruz?» son algunhas das preguntas que Mons. Luís Quinteiro expresou durante a súa intervención e que respondeu con rotundidade: «Cristo levou a súa cruz para redimir e dar sentido á dor. Por iso, nós, os cristiáns, sabemos que a Cruz de Cristo é a nosa vitoria. Moitos escandalízanse, pero nós sabemos que na cruz de Cristo está a nosa salvación, porque aí o sufrimento é redimido e a dor ten sentido».
Finalizada a liturxia da palabra coa oración universal, comezou o momento de adoración da Cruz, durante o que se formou unha longa fila de fieis que acudiron a venerar o madeiro, signo do triunfo da doazón e do amor de Xesús. Ao termo procedeuse ao rito da comuñón que, tras a celebración do Xoves Santo, resérvase no sagrario do monumento.
Recollendo as palabras do bispo de Tui-Vigo durante a celebración do Xoves Santo, o párroco da concatedral-basílica, José Vidal, convidou a todos os presentes a participar na “dobre” procesión que «non é máis que unha catequese vivente a través das imaxes».