Na mensaxe escrita con motivo da 66.º campaña «Contra a fame», que leva por lema «O efecto ser humano», o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, lembra que «Mans Unidas ofrécenos unha oportunidade para sumarnos ao cambio, porque o “efecto ser humano” pode destruír, pero tamén pode reconstruír a casa común na que estamos chamados a coexistir toda a humanidade». Neste sentido, o prelado destaca que «Deus non se esquece da súa creación» e «quere contar connosco para sandar esta Terra».
Mons. Luís Quinteiro expresa, nesta mensaxe, que «o problema do noso mundo é un problema de solidariedade. Podemos ter a tentación de vivir á marxe do que sucede, de durmirnos ante esta realidade de pobreza. Pero se abrimos os ollos, darémonos conta de que, nas nosas rúas, na nosa contorna próxima, atopamos centos de rostros que se ven afectados pola desigualdade ambiental».
O 6 de febreiro, o bispo de Tui-Vigo inaugurou a campaña na diocese de Tui-Vigo, coa eucaristía presidida no templo parroquial de María Auxiliadora. Ademais, do 5 ao 7 de febreiro, a delegación diocesana de Mans Unidas de Tui-Vigo presentou esta nova campaña na Guarda, Redondela e Vigo, na que participou a irmá Charo García Gil, da congregación Relixiosas da Asunción, que compartiu o seu testemuño como misioneira no continente africano, durante máis de 40 anos.

«O efecto ser humano»
O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, escribiu unha mensaxe para a campaña «Contra a fame» de Mans Unidas, que comeza o domingo 11 de febreiro.