Hoxe, o bispo emérito de Tui-Vigo e administrador apostólico, Mons. Luís Quinteiro, escribiu unha mensaxe de benvida ao que será bispo tudense a partir do 20 de xullo de 2024, Mons. Antonio Valín Valdés. Na súa mensaxe destaca que «o recibimos como ao que vén en nome do Señor. E esperámolo xa con impaciencia entre nós. Desde as nosas parroquias e comunidades de fieis encomendámolo ao Señor e rezamos para que lle conceda a forza do Espírito que fai novas todas as cousas».
Bendito o que vén en nome do Señor
Con gozo profundo recibimos o nomeamento polo papa Francisco do novo bispo desta diocese de Tui-Vigo, D. Antonio Valín Valdés. Recibímolo como ao que vén en nome do Señor. E esperámolo xa con impaciencia entre nós. Desde as nosas parroquias e comunidades de fieis encomendámolo ao Señor e rezamos para que lle conceda a forza do Espírito que fai novas todas as cousas. Estamos seguros de que será o pastor bo e valente que necesitamos e que, na súa persoa, poñerá no medio de nós a Xesucristo Resucitado.
Queremos facerlle chegar a nosa inmensa alegría ao saber polas súas palabras que vén a nós cargado de ilusión e de compromiso evanxélico. Agradecémoslle o entrañable saúdo que nos dirixiu a toda a diocese, especialmente, a súa decidida intención de formar parte dunha Igrexa diocesana «que quere ser nai pobre, casa de todos, discípula e misioneira; unha Igrexa na que todos se sentan en casa e en familia».
Encomendámolo á nosa Señora, a virxe María, Stella Maris e nai de Misericordia.
Reciba o noso amor filial e a nosa acollida chea de esperanza.