15 de Outubro de 2024

,

Santa Teresa de Ávila
15 de Outubro de 2024

,

Santa Teresa de Ávila

Mons. Luís Quinteiro lembra que a vida consagrada mantén «as esperanzas dunha humanidade aberta á salvación»

Mons. Luís Quinteiro lembra que a vida consagrada mantén «as esperanzas dunha humanidade aberta á salvación»
Foto: Celebración de la Jornada Mundial de la Vida Consagrada en la concatedral-basílica de Vigo (2022) | © Diocese de Tui-Vigo

Con motivo da Xornada Mundial da Vida Consagrada, que a Igrexa celebra o 2 de febreiro, coincidindo coa festa litúrxica da Presentación de Xesús no Templo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, escribiu unha mensaxe no que manifesta que, como os anciáns Simeón e Ana, os consagrados e consagradas «seguen a Xesús e manteñen as esperanzas dunha humanidade aberta á salvación». Por iso, o prelado de Tui-Vigo lembra que a celebración desta xornada constitúe «un día especial para agradecer e valorar o agasallo que Deus fai á súa Igrexa coa vida entregada de tantos consagrados que o Espírito suscita e sostén en cada lugar e en cada tempo».

A través desta mensaxe, Mons. Luís Quinteiro recolleu as pegadas que está a deixar o traballo do Sínodo dos Bispos «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión», que tamén se plasma no lema da xornada deste ano «Camiñando en esperanza». Neste sentido, o bispo tudense expresa que «tratamos de camiñar con esperanza coas forzas que temos, aínda que nos gustase facelo cos pulmóns cheos e a garganta ben timbrada. No noso camiño cotián atopámonos con pobrezas que comezan e terminan na casa dos esquecidos. Sabemos que nos rescata a proximidade con Cristo Xesús porque El é o que sanda as enfermidades, levanta do barro e alegra o corazón». 

En orde a celebrar esta Xornada Mundial da Vida Consagrada, Mons. Luís Quinteiro presidirá a celebración eucarística que organizan a delegación diocesana para a Vida Consagrada e a CONFER de Tui-Vigo, no templo parroquial de San Francisco Xavier, ás 19.30 horas do xoves 2 de febreiro.  A CONFER de Tui-Vigo destaca que se trata dunha oportunidade para «sacar forzas para seguir camiñando sen cansarnos nin deternos, con paciencia e tesón».

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp