Con motivo da campaña «Contra a fame» de Mans Unidas, que se inaugura este domingo 13 de febreiro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, publicou unha nova carta pastoral na que reivindica que “sen a nosa mirada, atención e apoio os máis pobres do planeta serán esquecidos”, en consonancia co lema deste ano «A nosa indiferenza os condena ao esquecemento».
Nesta carta, o bispo tudense explica que Mans Unidas —a organización da Igrexa católica en España para a axuda, promoción e desenvolvemento dos países máis empobrecidos— ten como misión “loitar contra a pobreza, a fame e a enfermidade no mundo e traballar para erradicar as causas estruturais que as producen”; a través dela, cúmprense as palabras de Jesús: “Tiven fame e déstesme para comer; tiven sede e déstesme de beber”.
“A preocupación e o compromiso cos pobres —remarca Mons. Luís Quinteiro ao longo da súa carta— é unha dimensión esencial da fe cristiá e un empeño que nunca debería esquecer o cristián na súa vida”. Neste sentido, anima a todos membros da comunidade eclesial da diocese de Tui-Vigo a poñer o seu granito de area para contribuír ao labor de Mans Unidas que, durante o pasado ano, conseguiu recadar máis de 172 mil euros para o fondo nacional que se repartiron entre máis de 500 proxectos por todo o mundo.
Na nosa diocese, a misa de inauguración terá lugar o luns 14 de febreiro ás 20:30 horas no templo parroquial do Corazón de María para visibilizar o lema deste ano e agradecer a colaboración dos socios, voluntarios e demais persoas e institucións que apoian á delegación de Mans Unidas.