Máis dun centenar de mozos da diocese de Tui-Vigo participaron na Xornada Mundial da Mocidade, que o papa Francisco convocou do 1 ao 6 de agosto en Lisboa baixo o lema «María levantouse e partiu sen demora». Antes de chegar á capital lusa, os mozos diocesanos, xunto a outros mozos do colexio San Xosé de Cluny de Pozuelo que se sumaron ao plan da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria de Tui-Vigo, tiveron a oportunidade de coñecer a cultura e a fe do país veciño durante os «Días nas dioceses» (DnD), na cidade de Faro —diocese do Algarve—.
Desde o 27 de xullo e ata o 3 de agosto, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, acompañou aos mozos que quixeron acudir ao encontro co Santo Pai en Lisboa. Durante unha entrevista en COPE Vigo, o prelado destacou que a JMJ foi «unha festa marabillosa de mozas. Hai unha mocidade que se entusiasmou moitísimo co papa. É unha realidade moi esperanzadora».
Testemuños da JMJMozos e mozas que participaron por primeira vez na JMJ
Carlos Estévez: «Saio da JMJ renovado, cheo de graza e con ganas de compartir a alegría de Deus co mundo enteiro»
Paula Quintela: «Despois desta experiencia podo afirmar a miña fe con maiúsculas»
A JMJ nos medios locais
«Días nas dioceses», en FaroDo 27 ao 31 de xullo
Durante cinco días, os mozos da diocese de Tui-Vigo puideron gozar de diferentes espazos de misión, cultura, deporte ou oración que foron, de forma especial, espazos de encontro co rostro dun Deus presente no cotián da cidade de Faro. Espazos que se puideron desenvolver grazas á colaboración voluntaria de centos de persoas que puxeron o seu tempo e os seus talentos ao servizo da Igrexa para acoller a case 5.000 mozos de diferentes nacionalidades que puideron empaparse, así, da cultura lusa durante os días previos á JMJ na diocese do Algarve —concretamente, en Faro, Loulé e Tavira—.
Xoves 27 de xullo. Benvida — Durante o saúdo inicial das diversas autoridades civís e eclesiais, Mons. Manuel Quintas, bispo do Algarve, agradeceu o entusiasmo dos mozos estranxeiros por Cristo e lembrou a importancia de gozar e saborear os «Días nas dioceses», testemuñando a alegría da mocidade. A xornada consistiu en descubrir, pola mañá, os lugares emblemáticos de Faro e, pola noite, as diferentes culturas que se deron cita na cidade para vivir eses días previos á JMJ, nun intercambio cultural festivo que encheu o xardín Manuel Bivar.
Venres 28 de xullo. Misión, voluntariado e oración de Taizé — Os mozos realizaron diversas actividades de voluntariado: acompañando anciáns nas residencias, salvagardando as praias das especies invasoras e mantendo as rúas limpas de cabichas.
O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a primeira eucaristía oficial na igrexa do Carme, para todos os mozos galegos. O prelado lembrou que «o Señor nos convida nestes días para escoitarlle e a abrirlle o noso corazón, sen condicións, porque poñerlle condicións a Deus é romper o noso máis profundo compromiso con el». Nunha peregrinación cargada de emocións, pero tamén de mocións do Espírito Santo, Mons. Luís Quinteiro declarou que hai dúas actitudes fundamentais: facerse preguntas, pero tamén deixar paso ás respostas. Neste sentido, recalcou que «é un momento para ser. Non podedes simplemente facer unha pregunta, tedes que ser unha resposta».
Pola noite, o irmán Alois, actual prior da comunidade ecuménica de Taizé , dirixiu un intre de oración no xardín da Alameda, no que lembrou que «a cruz e a resurrección de Xesús son o corazón da nosa fe».
Sábado 29 de xullo. Cultura e deporte — Deporte, música e xogos tradicionais foron os protagonistas da mañá, mentres que, pola noite, o Comité Organizador Local do Algarve organizou unha gran festa de despedida con todos os peregrinos de Faro no Colégio de Nossa Senhora do Alto.
Domingo 30 de xullo. Adoración e misa de envío — Último día na cidade de Faro, antes de poñer rumbo a Lisboa para atoparse co papa Francisco. Nesta ocasión, a mañá comeza cun intre de adoración eucarística no xardín da Alameda.
Pola tarde, o Estadio Algarve acolleu a preto de 5.000 mozos con máis de 20 nacionalidades diferentes que, durante eses días, foron acollidos nas cidades de Faro, Loulé e Tavira. Decenas de bandeiras, tinguiron de cor o estadio, testemuñando a multiculturalidade dun encontro entre mozos que anhelan compartir a súa vivencia da fe con outros.
Isabel Tamayo, nova universitaria de Vigo, tivo a oportunidade de participar activamente lendo, en español, unha das lecturas da celebración ante miles de mozos; tamén o Evanxeo foi proclamado por Jesús García, sacerdote de Tui-Vigo.
Na súa intervención, o bispo Mons. Manuel Quintas envío aos mozos «como peregrinos á JMJ, guiados por María, pedíndovos que regresedes aos vosos países como discípulos misioneiros». Ademais, o prelado afirmou que «quen parte como peregrino e atopa a Cristo, nunca regresa co corazón baleiro. Regresa sempre co corazón cheo do que viu, oíu, contemplou e cun gran desexo de compartir a súa experiencia persoal e eclesial».
Tras a eucaristía, os mozos puideron participar do concerto do grupo Xene Verde, pertencente ao movemento dos Focolares.
«Encontro de españois», en Cascais31 de xullo
O 31 de xullo, o centenar de mozos da diocese de Tui-Vigo puxo rumbo a Lisboa, concretamente á parroquia da Santísima Trindade de Miraflores, encargada de acoller ás dioceses galegas que participaron na JMJ.
Pola tarde, a Subcomisión Episcopal para a Mocidade e a Infancia da Conferencia Episcopal Española organizou o «Encontro de españois», que contou coa participación de máis de 36.000 mozos e polos 64 bispos españois que xa chegaran a Lisboa, concelebrantes na eucaristía presidida polo cardeal Omella.
Ás 22.00 horas comezaba este Festival presentado por Guillem Climent, de Megastar FM. Contouse coas actuacións de DJ Abraham; Unai Quirós; Aisha; Toño Casado; Nico Montero; Celia Salamanca; Marta Mesa; Juan Baena; A voz do deserto; Jesús Cabello; Miguel; e Grilex.
Durante o festival, houbo un agasallo para todos os mozos a cargo de Nacho Cano, compositor e director de o musical Malinche, que interpretou, onda unha trintena de cantantes do musical, dúas cancións da obra que se pode ver actualmente en Madrid.
JMJ, en LisboaDo 1 ao 6 de agosto
A Xornada Mundial da Mocidade deu comezo de forma oficial o luns 1 de agosto, ás 19 horas, no parque Eduardo VII, convertido, durante eses días, no «Outeiro do encontro». Alí, o cardeal patriarca de Lisboa, Mons. Manuel Clemente, presidiu a eucaristía de apertura, durante a que acolleu a todos os peregrinos: «Benvidos a todos! Desexo que sintan como na casa, nesta casa común onde viviremos a Xornada Mundial da Mocidade. Benvidos!».
Durante as mañás dos días 2, 3 e 4 de agosto, os mozos participaron nos encontros «Rise-Up», no parque de Santa Catarina —en Algés —, onde estiveron acompañados tamén polos bispos de Galicia. En concreto, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto, foi o encargado de dirixir o segundo dos encontros. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, ademais de acompañar aos mozos diocesanos, impartiu catequeses na parroquia de Santo André, no parque de Cidade do Barreiro. Estes encontros catequéticos constituíron unha oportunidade para compartir a experiencia con mozas doutras dioceses e países, pero tamén unha oportunidade de escoitar aos pastores da Igrexa e de achegarse ao sacramento da Reconciliación.
Paralelamente aos actos oficiais que contaron coa presenza do papa Francisco, organizouse o «Festival da mocidade», cunha oferta de 600 actividades, esparexidas por toda a capital lusa: música, conferencias, exposicións, teatro, danza, eventos relixiosos e de encontro, cinema e deportes. A esta ampla oferta sumouse tamén a «Cidade da alegría», no xardín Vasco de Gama, un espazo que axunta a Feira Vocacional, a Capela e o Parque do Perdón, espazo onde os peregrinos poden ter un encontro con Cristo Misericordioso a través do sacramento da reconciliación.
O 3 de agosto, o «Outeiro do encontro» foi o escenario onde se celebrou a cerimonia de acollida co papa Francisco. No medio da multitude, da marea de bandeiras, moitos dos mozos de Tui-Vigo tiveron a oportunidade de ver, por primeira vez a escasos metros de distancia, ao santo pai, provocando bágoas e abrazos de emoción que se contaxiaron duns a outros. O vigairo de Cristo na terra deixou patente como ha de ser a acollida: «na Igrexa, hai espazo para todos. Para todos. Na Igrexa, ningún sobra. Ningún está de máis. Hai espazo para todos. Así como somos. Todos».
O viacrucis, tamén no «Outeiro do encontro», espazo de acollida e misericordia, constituíu a antesala dos actos centrais da fin de semana. Alí, o papa Francisco manifestou: «Vostedes sábeno, sábeno mellor que eu: amar é riesgoso. Hai que correr o risco de amar. É un risco, pero vale a pena correlo, e El acompáñanos nisto. Sempre nos acompaña. Sempre camiña». E engadiu: «Xesús camiña á Cruz, morre na Cruz, para que a nosa alma poida sorrir».
Antes de poñer rumbo ao parque Tezo, durante eses días «Campo da Gracia», o medio milleiro de mozos de Galicia celebraron a eucaristía presidida polo arcebispo compostelán e concelebrada polo resto de bispos e sacerdotes galegos, no templo parroquial da Santísima Trindade de Miraflores. Tras inmortalizar o momento, cunha foto de familia ao termo da celebración, peregrinaron ata o «Campo da Gracia», para participar na vixilia de oración co papa Francisco.
«A alegría é misioneira, a alegría non é para un, é para levar algo» expresou o santo pai durante a vixilia. Neste sentido, engadiu que «todos, se miramos cara atrás, temos persoas que foron un raio de luz para a vida […]. Eles son como as raíces da nosa alegría». Para quen sente cansos, o papa Francisco tamén dirixiu palabras de ánimo e lembrou que quen «permanece caído “xubilouse” da vida, pechou a esperanza. Que temos que facer? Levantalo».
Tras a despedida do papa Francisco, a música de Hakuna —seguida por artistas de diferentes nacionalidades— ambientou o «Campo da Gracia», ata que, aos poucos, os mozos rendéronse ao cansazo e ao soño. Na noite, os sacos de durmir cubriron a superficie total do parque Tezo.
Co amencer, a música do pai Guilherme espertou aos máis durmiñóns. Tocaba prepararse para a misa de envío presidida polo papa Francisco, ao que os mozos acolleron entre aplausos e berros: «esta é a mocidade do papa». Como lembrou o pontífice, da JMJ os mozos leváronse tres cousas fundamentais: «resplandecer, escoitar e non ter medo».
Terminábase, así, a aventura, pero non sen antes descubrir o próximo destino: Seúl, capital de Corea do Sur, en 2027. Antes, en 2025, haberá unha cita en Roma: o Xubileu dos Mozos, coincidindo co Ano Santo, o ano xubilar da Igrexa católica.
Ningún de nós é cristián por casualidade, todos fomos chamados polo noso nome
Papa Francisco — Ceremonia de acollida
Na Igrexa hai espazo para todos. […] Na Igrexa, ningún sobra. […] Hai espazo pata todos. Así como somos
Papa Francisco — Ceremonia de acollida
Hai que correr o risco de amar. É un risco, pero vale a pena correlo, e El acompáñanos nisto
Papa Francisco — Viacrucis
A alegría é misioneira, a alegría non é para un, é para levar algo
Papa Francisco — Vixilia de oración