«Música no Claustro» celebra a súa XX edición cunha programación que revisita dúas décadas de traxectoria arredor dos valores que definiron o festival dende o seu comezo: a música como espazo de encontro, a investigación e posta en valor do patrimonio, e o compromiso coa creación contemporánea.
Do 1 ao 7 de agosto, a Catedral de Tui acolle sete concertos coa participación de artistas que forman parte da historia do festival. Música antiga, de cámara e contemporánea, flamenco, jazz e músicas actuais dialogan nunha programación con entrada libre que se celebra cada noite, ás 21.00 h, no claustro medieval. En paralelo, Resonancias® Espazo Lutier reúne conversas e obradoiros arredor dos instrumentos musicais, a lutería e a artesanía.
Concertos
Esta edición conmemorativa comeza cun concerto que reúne sobre o escenario a Samuel Diz, Patricia González, Anxo Pintos, Begoña Riobó e Jonatan Alvarado, intérpretes estreitamente vinculados á historia de «Música no Claustro». Ao longo da semana regresan tamén artistas que marcaron diferentes etapas do festival, como Guadi Galego, que ofrece en Tui o seu único concerto do verán, e Silvia Márquez Chulilla, que volve á Catedral de Tui xunto á soprano Eugenia Boix para presentar un novo programa arredor do órgano construído por Gerhard Grenzing.
A diversidade de linguaxes musicais continúa a ser un dos sinais de identidade de «Música no Claustro». Música antiga, de cámara e contemporánea conviven co flamenco, o jazz e as músicas actuais. A cantaora Laura Marchal e o guitarrista flamenco Víctor Franco regresan á Catedral de Tui da man da Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), mentres que dende Barcelona chega o trío de jazz liderado pola contrabaixista e compositora Giulia Valle xunto ao pianista Biel Harper e á batería Andrea G. Giráldez.
En «Música no Claustro», arquivo e investigación xeran un diálogo coa creación contemporánea. Desta forma, Lítore Quartet explora dende a sonoridade do saxofón a polifonía barroca do mestre de capela Matías García Benayas e realiza a estrea absoluta do motete microtonal Lux Glaciei, da compositora Irene Cantos. Silvia Márquez Chulilla e Eugenia Boix afondan no arquivo da Catedral de Tui nun programa de temática mariana, mentres que Jonatan Alvarado recupera o Graduale in Festo Dedicationis Ecclesiae Locus iste, unha peza vinculada á liturxia da dedicación dunha igrexa. Esta monodia formou parte, nun momento da diocese, das celebracións da consagración dun novo templo.
A XX edición de «Música no Claustro» conclúe co concerto de Sara Areal. Xunto á pianista Andrea Vilar e un ensemble de cordas, a violinista tudense presenta Poema infinito, un proxecto impulsado por Música no Claustro e apoiado polo Instituto de la Juventud (INJUVE). Este proxecto inclúe a estrea dunha nova composición de Carme Rodríguez e nace dunha reflexión persoal sobre a saúde mental.

Saúde mental
O concerto de Sara Areal representa a dimensión social de «Música no Claustro» cun proxecto que reflexiona sobre o benestar emocional, os procesos creativos e as condicións de vida das persoas dedicadas á música. Esta liña de traballo continúa en Ideas Peregrinas coa conversa entre a contrabaixista Giulia Valle, autora do libro Cerebro en equipo: Neurociencia para el desempeño y la motivación en Música y otras artes, e a musicóloga Pilar Serrano Betored, que abordan estas cuestións dende a neurociencia, a creación artística e a perspectiva de xénero.
O acceso libre aos concertos de «Música no Claustro» é posible grazas ao apoio do Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, e á colaboración privada de Cabreiroá, Gadis, Javier Vales e da Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE).
Resonancias®. Espazo lutier
En paralelo aos concertos, «Música no Claustro» celebra unha nova edición de Resonancias®, un espazo dedicado á lutería e aos instrumentos musicais que inclúe unha conversa arredor das obras de remate do órgano da Catedral de Tui co mestre organeiro Andreas Fuchs, o prefecto de música Daniel Goberna e o xornalista Jose Font. O programa complétase coa presentación da primeira fase do proxecto I+D+i Guitarra, son de madeira galega, impulsado por «Música no Claustro» e pola Axencia Galega da Industria Forestal.
Ademais, ábrese a inscrición para dous obradoiros de mantemento de instrumentos musicais impartidos por Adrián Vilaboa (vento madeira) e Jose Catoira (corda fretada), así como para un taller de ilustración en caderno con Iria Prol. Estas actividades contan coa colaboración da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Ao celebrar a súa XX edición, «Música no Claustro» conmemora dúas décadas de actividade e reafirma un modelo cultural no que música, patrimonio, investigación, creación e compromiso social forman parte dun mesmo relato. Un proxecto situado e construído dende Tui que continúa mirando ao futuro coa mesma vontade de diálogo entre a memoria, o territorio e a creación contemporánea.