14 de Abril de 2026,
San Telmo

Na Misa Crismal, o bispo de Tui-Vigo subliña a importancia da comuñón sacerdotal

Na Misa Crismal, o bispo de Tui-Vigo subliña a importancia da comuñón sacerdotal
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo consagrando los óleos | © Diocese de Tui-Vigo

Hoxe, mércores 16 de abril, á hora do Ángelus, a catedral tudense de Santa María acolleu a celebración da Misa Crismal, presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que tamén contou coa presenza do bispo emérito, monseñor Luís Quinteiro, e con membros do cabido catedralicio, sacerdotes, diáconos, relixiosos, peregrinos e fieis diocesanos. Durante a celebración, os presbíteros renovaron as súas promesas sacerdotais, reafirmando o seu compromiso con Cristo e a súa vocación ministerial.

O bispo de Tui-Vigo expresou que a misa crisma sempre «foi un momento importante; nesta ocasión, celébroa con especial emoción por ser a primeira que comparto convosco». Monseñor Antonio Valín, que foi ordenado bispo e tomou posesión do seu cargo á fronte desta diocese hai xa nove meses, declaro que «este presbiterio xa é a miña familia e esta diocese a miña casa. Doume conta do bendicido que son por isto e vale a pena entregar a vida, as ilusións e os soños por todos vós: Igrexa santa de Tui-Vigo».

A Misa Crismal é unha ocasión na que toda a diocese —sacerdotes, vida consagrada e segrares— é convocada «ao redor do bispo para manifestar a comuñón e o compromiso coa Igrexa e a sociedade que peregrina aquí», manifestou o prelado tudense. Para o presbiterio, tamén constitúe «unha oportunidade para renovar as promesas do noso sacerdocio; é o momento adecuado para volver ao amor primeiro e ao día da nosa ordenación; unha oportunidade para pensar sobre a nosa razón de ser sacerdotes, ver as nosas motivacións e renovar o noso si, para responder mellor os retos que se presentan no noso ministerio e na Igrexa en cada momento». 

Tal e como subliñou o bispo do Tui-Vigo, a renovación das promesas sacerdotais supón reafirmar «a nosa vocación de discípulos misioneiros, de camiñantes que saen ao encontro de Cristo, presente nas rúas, pobos e cidades Por iso o facemos diante do pobo, e co pobo, para que sexan testemuñas do noso compromiso».

Monseñor Antonio Valín mostraba tamén a súa preocupación polo sentido de pertenza á Igrexa diocesana: «nesta celebración estamos chamados a renovar o noso don e sentimento de ser desta Igrexa local. Somos chamados a evanxelizar aquí, con este presbiterio e nestas comunidades. Temos que descubrir cada día o don da fraternidade. Gustaríame que todos nos sentísemos irmáns». Neste sentido, o prelado expresou o seu desexo de crecer «sempre na capacidade de acollida, respecto e agarimo mutuos; que ninguén se sinta só, esquecido; no ir sentíndonos necesitados uns doutros, irmáns tanto na vida como no traballo pastoral».

Ás portas xa das celebracións do Triduo Pascual, monseñor Antonio Valín tamén agradeceu a entrega pastoral e o ministerio de todos os sacerdotes: «grazas polo voso servizo, por tanto  ben silencioso que facedes, polo perdón e o consolo que transmitides no nome do Señor. Algúns atendedes varias parroquias, multiplicándovos, facendo o posible por servir ao pobo de Dios».

A homilía finalizou cun recordo para todos aqueles sacerdotes que non puideron asistir á celebración, polos falecidos no último ano, os que están fóra nalgunha misión, os enfermos e os que están a pasar algunha debilidade. Para todos eles, o prelado desexo que «sintan hoxe a comuñón deste presbiterio»

Antes de finalizar a celebración, o bispo consagrou o crisma —por iso, “misa crismal”—, que é utilizado para signar aos bautizados e aqueles que reciben o sacramento da Confirmación, unxir nas mans aos que serán ordenados presbíteros, e na cabeza aos que serán consagrados bispos, así como para a dedicación dunha igrexa ou dun altar. Tamén bendixo os óleos ou aceites que se usarán para administrar os sacramentos do Bautismo, a Confirmación e a Unción de Enfermos nas diferentes parroquias da diocese ao longo de todo o ano.

Esta celebración é considerada como unha das principais manifestacións da plenitude sacerdotal do bispo e é tamén signo da estreita unión de os sacerdotes con el e, na diocese de Tui-Vigo, é a antesala do resto de celebracións litúrxicas da Semana Santa.

Celebración de la Misa Crismal en Tui | © Diocese de Tui-Vigo
« de 23 »