Con motivo do Ano Xubilar de San Xose convocado polo papa Francisco, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo, presidirá este sábado, 1 de maio, a eucaristía das 20 horas na viguesa parroquia de San Xosé Obreiro e Santa Rita.
Durante esta celebración, estrearase a oración musicalizada que o papa Francisco publicou na súa carta apostólica Patris Corde —Corazón de Pai— con motivo deste ano Xubilar. A delegación de Liturxia promoveu este traballo realizado polo prefecto de música da Catedral de Tui, Daniel Goberna que contou coa colaboración de María Mendoza nos arreglos e de varios mozos e mozas diocesanas de parroquias e do Colexio San Xosé de Cluny en Vigo na grabación que, tras a súa estrea na eucaristía do sábado, estará dispoñible na web diocesana: www.diocesetuivigo.org.
Para celebrar este ano Xubilar, a Vigairía de Pastoral dedicou todo o mes de marzo a rezar a oración recomendada polo papa. E así, durante os 31 días do mes de marzo, publicouse o texto acompañado dunha das imaxes do santo patriarca entre as veneradas na nosa diocese. A imaxe de san Xosé está presente en diversos templos ou capelas como A nosa Señora do Rocío, San Martiño de Tameiga, San Xosé de Chandebrito, San Lourenzo de Salcidos, ou a capela do Seminario Menor de Tui, entre outras. En total foron 31 imaxes que se poden coñecer na seguinte ligazón.
Cabe engadir que a Diocese de Tui-Vigo conta con cinco igrexas dedicadas á figura de San Xosé —catro templos parroquiais e unha capela— en Chandebrito, A Laxe, Ribarteme, Vigo e Prado, nas que as comunidades parroquiais celebrarán este xubileu. A eles, tamén se suma a igrexa da Sacra Familia situada nesta cidade olívica.
O Ano Xubilar coincide co 150 aniversario da declaración asinada polo beato Pío IX na que declaraba a san Xosé como Patrón da Igrexa católica. Para profundar no sentido desta convocatoria, o bispo de Roma explicou na súa carta apostólica Patris Corde —Corazón de pai—, que «San José lémbranos que todos os que están aparentemente ocultos ou en “segunda liña” teñen un protagonismo sen igual na historia da salvación».