Tras inaugurar, onte, o Ano Xubilar da catedral de Tui, hoxe, 1 de decembro, día que o bispo Esteban Egea elixiu para celebrar a festa da dedicación do templo catedralicio, o prelado tudense, monseñor Antonio Valín, presidiu, ás 12.30 horas, a eucaristía na igrexa nai, acompañado polo bispo emérito, monseñor Luís Quinteiro, membros do cabido catedral e sacerdotes diocesanos. Así, levouse a cabo o Xubileu do Clero diocesano, a primeira das peregrinacións xubilases que, desde agora e ata o 1 de decembro de 2026, iranse sucedendo.


Coa inauguración do Ano Xubilar, a diocese de Tui-Vigo fixo memoria agradecida da súa historia e a súa identidade vinculada á catedral. Hoxe, o bispo, monseñor Antonio Valín, exhortou a non quedarse nesta acción de grazas, porque «o peso de tantos anos de historia lévanos a coller a testemuña de seguir facendo real, pedra a pedra, o templo espiritual que esta catedral representa». Así, convidaba aos diocesanos e diocesanas a construír «unha Igrexa da misericordia, que non quede nas palabras, senón nos xestos». Para logralo necesítase un esforzo conxunto que nos conduza a traballar máis sinodalmente, aínda que iso leve máis tempo, expresou o prelado.
«É a hora do amor —declarou monseñor Antonio Valín— e onde hai amor non hai medo é necesario romper cos medos que nos atenazan, que nos atan en falsos respectos humanos, que nos impide ser creativos, audaces, que nos escravizan nos costumes e paralízannos ante todo cambio, novidade ou aire fresco que nos desconcerta. A construción da Igrexa é de todos, traballando cada un no seu, pero no mesmo soño e proxecto, coa humildade de saber que só xuntos poderemos levala adiante e que se non s equivocamos sempre podemos volver comezar».


O bispo de Tui-Vigo realizou unha petición: «recibimos unha herdanza, transmitámola sen descanso, sabendo que no templo que somos, ese templo do que simboliza a catedral, Deus está e ámanos e o mal non prevalecerá». Finalmente, encomendou os froitos, actividades e accións pastorais deste centenario á virxe María e ao beato Pedro González Telmo.
Unha vez realizada a bendición, sacerdotes e fieis procesionaron ata o altar das Reliquias que, desde onte e ata esta tarde, permanece aberto para a súa ostensión extraordinaria. Alí, ante os restos mortais do beato Pedro González Telmo e doutros santos da Igrexa, rezouse a oración que o cabido catedral creou para este ano Xubilar con motivo do VIII centenario da dedicación da catedral.


Previamente á eucaristía, o doutor en Liturxia e director do Secretariado da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal Española, Ramón Navarro, impartiu o relatorio «Este edificio fai albiscar o misterio da Igrexa: o rito da dedicación e a súa riqueza eclesiolóxica, a propósito do 800 aniversario da dedicación da catedral de Tui». A conferencia, que forma parte da programación conxunta entre diocese e concello, tivo lugar no espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela.



O 1 de decembro de 1225, o bispo daquel momento, Esteban Egea, consagrou a igrexa de Tui, converténdoa en templo catedralicio, é dicir, na sede episcopal. Desde entón, cada ano, celébrase esta efeméride. Con esta celebración, a diocese de Tui-Vigo lembra que a catedral é unha expresión, un signo vivo da propia Igrexa diocesana, por iso, entrar nela é regresar ás orixes, todo o máis central da comunidade cristiá: a vinculación con toda a Igrexa universal, atribuída polo ministerio do bispo.