A Delegación de Migracións de Tui – Vigo quere adherirse á Nota da Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade Humana, publicada o pasado sábado 25 de xuño con motivo das mortes tras o intento de salto do valo de Melilla. Este é o texto da nota:
Onte 24 de xuño 18 persoas perderon a vida no lado marroquí do valo de Melilla, 76 resultaron feridas, 13 de gravidade. Tamén hai feridos entre as forzas de seguridade marroquís e españolas. Polo menos 133 persoas, a maioría sudaneses fuxindo da guerra e a fame negra, chegaron ao Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETI) da cidade autónoma. Onde 49 axentes e 57 inmigrantes tamén resultaron feridos, segundo datos oficiais, no lado español.
Ante a gravidade destes feitos que veñen sumarse a outros no pasado tanto en Ceuta como en Melilla, os bispos responsables da Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade Humana da CEE:
Lamentamos profundamente as perdas de vidas humanas e confiamos no pronto restablecemento de todas as persoas feridas. Ao mesmo tempo, expresamos a nosa solidariedade e proximidade, aos seus familiares e compañeiros.
Solidarizámonos coa preocupación dos habitantes nas cidades fronteirizas, e agradecemos á Igrexa diocesana de Málaga o seu labor de acompañamento aos migrantes e refuxiados, facendo noso o comunicado emitido pola súa delegación de migracións.
Esperamos que as autoridades competentes contribúan ao esclarecemento dos feitos e a tomar as medidas oportunas para que non volvan suceder.
Ante as diversas lecturas que se fan destes feitos violentos, convidamos a contextualizalos cunha mirada humanitaria onde, á vez que entendemos a necesaria regulación de fluxos migratorios, debemos considerar a situación crítica e de miseria, na que se atopan miles de migrantes subsaharianos hacinados alén da fronteira de España. Non son “invasores”, só son seres humanos que buscan chegar a Europa fuxindo de guerras activas (57 no mundo, 30 en África) e fames negras, agravadas polas consecuencias da guerra en Ucraína, e a seca e as pragas provocadas polo cambio climático. Ante este drama humanitario propoñemos evitar un uso partidista e demagóxico do complexo desafío das migracións, e analizar este drama humanitario desde as claves que nos ofrece a Doutrina Social da Igrexa.
Tal como a Iglesia expuxo nos foros europeos e internacionais, lembramos que necesitamos humanizar e implementar novas políticas migratorias que teñan en conta a gravidade da presión migratoria. Así por exemplo, España carece de espazos ou recursos onde emitir visados en moitos países africanos de onde proceden miles de migrantes susceptibles de solicitar protección internacional. A Iglesia avoga en todos os continentes por contribuír a salvar vidas, acoller e protexer ás persoas migradas. Necesitamos unha migración ordenada a través de vías legais e seguras, así como fomentar a colaboración ao desenvolvemento cos países que sofren guerras, conflitos e fames negras. A externalización e militarización das fronteiras por si só, non terminará cos problemas e as causas que provocan a mobilidade de millóns de persoas migradas, refuxiadas ou desprazadas no mundo. Convidamos, por tanto, a dar pasos de humanización, a analizar e afrontar esta nova crise dese a necesidade de protección de todo ser humano e o empeño por establecer con urxencia vías de acceso legais e seguras.