Á sombra da Carballeira do monte da Guía, co sol reflectíndose na ría de Vigo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, presidiu a eucaristía solemne na honra á Nosa Señora das Neves, que a Igrexa celebra coincidindo coa dedicación da basílica de Santa María a Maior en Roma. A celebración estivo harmonizada pola Coral Polifónica de Teis. Previamente, ao comezo da celebración, a imaxe procesionou desde a capela, ata o lugar da misa na Carballeira.
Durante a súa intervención tras a proclamación do Evanxeo, o bispo de Tui-Vigo expresou que «hoxe é un día ben grato, porque calquera festa da virxe María, sempre é un motivo de alegría e esperanza» e convidou os fieis a rememorar a presenza que a figura de María ten na vida de cada cristián, como «unha nai que te estimula, que te axuda, que está en todos os momentos. Aquí chamádeslle a virxe da Guía polo sitio, pero tamén porque é a guía que nos conduce aos irmáns, ao seu fillo e a Deus». Como a virxe María ante o anuncio do arcanxo Gabriel, Mons. Antonio Valín lembrou que «para Deus nada hai imposible. Para quen ten fe nada hai imposible e Deus, que sempre sabe como facer as cousas, guíanos por un camiño, aínda que non sexa o que nós queremos».
Tras a eucaristía solemne, a Carballeira acolleu unha comida de confraternidade, seguida de cancións e bailes populares. Finalmente, ás 19.30 horas, a imaxe da virxe foi levada de regreso á capela.
Desde o pasado venres 26 de xullo, na parroquia das Neves de Teis vénse celebrando diariamente a novena e a eucaristía na honra á súa patroa. Cabe destacar que o pasado sábado 3 de agosto, tras a celebración da eucaristía, a imaxe da virxe da Guía procesionou desde o templo parroquial ata a capela do monte, acompañada doutras imaxes marianas presentes en diversos países do mundo.